A día de hoxe os sistemas de Intelixencia Artificial (IA) forman xa parte da vida cotiá de calquera persoa. Desde un teléfono intelixente, a un asistente de voz, pasando polos navegadores por satélite; pero, ademais, estes sistemas de máquinas intelixentes tamén son quen de escribir, pintar, compor música ou facer vídeos. Significa isto que as súas novelas, pinturas ou cancións son susceptibles de protección pola propiedade intelectual? Quen sería neste caso o autor e titular destes dereitos? O profesor da Área de Dereito Mercantil, Pablo Fernández Carballo-Calero, acaba de sacar ao mercado un novo libro, 25 things you should know about Artificial Intelligence Art and Copyright, no que achega 25 aspectos claves sobre Intelixencia Artificial e Dereitos de Autor.
Editado por Thomson-Reuters Aranzadi, a monografía está escrita en inglés e dá continuidade a unha obra lanzada polo mesmo autor e editorial en marzo de 2021 na que se analizaba a propiedade intelectual das obras creadas por IA, distinguindo entre aquelas realizadas por máquinas intelixentes de maneira autónoma, “se é que a día de hoxe isto é posible”, matiza o autor, e aquelas nas que se verifica unha contribución humana relevante no proceso creativo.
IA para crear The next Rembrandt ou a 10ª sinfonía de Beethoven
“Dado o impacto do tema no ámbito internacional, decidín facer esta versión en inglés cunha orientación máis divulgativa e centrada neses 25 puntos crave para entender a problemática que expón a creación de obras de arte por máquinas intelixentes”, explica o autor, quen fai fincapé en que iniciativas como The next Rembrandt, pintura que viu a luz case 350 anos despois da morte do pintor barroco, constitúe un bo exemplo do impacto que a IA está a ter no ámbito da arte. Pero este non é o único exemplo, a listaxe é cada vez máis longa e inclúe traballos como a utilización de IA para finalizar o que sería a décima sinfonía de Beethoven ou para a recuperación de tres pinturas perdidas de Gustav Klimt. Neste último caso foron Google Arts and Culture e especialistas do Museo Belvedere de Austria os que lograron, a través de millóns de imaxes e documentos históricos, reconstruír a cor orixinal de tres dos seus cadros que foran froito das chamas e dos que só quedaban unhas fotografías en branco e negro.
“Este novo escenario supón novos interrogantes para o dereito de autor, que parte do principio xeral de reservar a condición de autor ás persoas naturais ou físicas”, recalca Fernández Carballo-Calero, docente na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A problemática radica en determinar se as obras xeradas por IA deben ser ou no susceptibles de protección polo dereito de autor. A tal efecto, será básico determinar si o IA xerou a obra de forma autónoma –sen intervención humana ou cunha intervención mínima- ou se, pola contra, pese a contar coa axuda dun sistema de IA, se xestou grazas a unha contribución humana relevante.
Un libro apto “para calquera lector”
Editado en formato papel e libro electrónico, o monográfico resulta de interese para calquera persoa interesada no mundo da IA e a arte, así como tamén para todos os afeccionados e especialistas no ámbito dos dereitos de autor. “Está escrito para que poida ser facilmente comprendido por calquera que se achegue ás súas páxinas”, subliña o autor, ao tempo que fai fincapé en que a IA deixou de ser ciencia ficción: “interactúa connosco, achega solucións rápidas e efectivas e, sen apenas darnos conta, pasou a formar parte das nosas vidas”.
Nesta liña, Fernández Carballo-Calero insiste no primeiro capítulo da obra na idea de que a IA está presente de moitas maneiras na vida das persoas. “Sen ir máis lonxe, as melloras intelixentes realizadas nos ‘selfies’ efectúanse grazas a esta tecnoloxía que identifica o enfoque adecuado”, ou, outro exemplo, os asistentes de voz, que procesan linguaxes naturais para interpretar ordes emitidas pola voz humana, permítenlles aos usuarios reproducir música, axustar o volume, facer chamadas e enviar mensaxes mentres conducen, buscan fotos, reservan un taxi, controlan a domótica do fogar, contrastan información, realizan cálculos e unha infinidade de posibilidades. “Tales asistentes avísannos de noticias e eventos en función das nosas preferencias, propóñennos accións e, en definitiva, axúdannos nas nosas tarefas cotiás a través de recordatorios e indicacións baseadas nas nosas rutinas”, engade o autor da monografía.