O Concello de Gondomar conta cun novo vehículo, financiado polos fondos de compensación ambiental da Consellería de Medio Ambiente, destinado a labores do programa municipal de compostaxe, así como atender as necesidades de calquera outro departamento que o precise. Trátase dun camión lixeiro con guindastre autocargable con distintivo ambiental eco, que se caracteriza por ser un transporte sostible e unha opción clara de mobilidade que permitirá chegar a calquera zona do municipio.
Cabe destacar entre as súas características o feito de que usa enerxías alternativas o ter instalado un tanque de bifuel autogas GLP (Gas Licuado de Petróleo) que lle permite unha autonomía de 300 kilómetros. O seu guindastre autocargable que facilitará os labores de carga e descarga de material vexetal e orgánico, así como colectores e outros elementos. Ten unha base extensible, dous estabilizadores hidráulicos, unha altura de traballo de 4,50 metros e unha carga máxima de 2.300 quilos, entre outras características.
O importe da súa adquisición ascende a 40.000 euros, que serán financiados nun 80% a través dos fondos de compensación ambiental 2021, achegando o 20% restante o concello de Gondomar.
Funcións
O novo vehículo desenvolverá fundamentalmente tarefas relacionadas co programa municipal de compostaxe e traslado de material estructurante ou compost aos centros de compostaxe comunitaria da localidade. Puntualmente podería empregarse na retirada de verteduras de residuos de gran peso ou colaborar en accións concretas dirixidas a paliar ou corrrexir danos que pode causar calquera desastre ambiental. Por último, tamén podería colaborar en accións de carácter social en defensa e protección do medio ambiente, como limpeza de ríos ou xornadas ambientais, entre outros.
Gondomar sostible
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subliña que “seguimos dando pasos na loita contra o cambio climático desde o noso concello que quere ser un referente de sustentabilidade na provincia e en Galicia. Sumamos este novo vehículo eco ao parque móbil que permitirá avanzar nas labores de compostaxe e reciclaxe postas en marcha nesta lexislatura”, que tal e como lembrou, extenderonse a preto de 300 vivendas co reparto de composteiros individuais.
Unha aposta pola protección do medio ambiente “que vai máis alá das palabras e reflectimos en feitos”, apuntou Paco Ferreira, entre os que destacou a modernización do Punto limpo, a consecución da escoba de prata, a certificación do selo oficial “Calcula 2” do Ministerio de Transición Ecolóxica, e as diferentes campañas informativas e divulgativas que se realizan no municipio, entre outras accións.