O Concello de Vigo inaugurou este venres a primeira fase da reforma da rúa Foxos e o alcalde anunciou a elaboración do proxecto para estendela ata Sanjurjo Badía e finalizar así a humanización de toda a rúa. Trátase dunha vía “moi importante para Teis e para Vigo e moi utilizada tamén para chegar ao colexio Apóstol Santiago”, manifestou Abel Caballero. Así, trasladou que deu instrucións ao edil de Fomento, Javier Pardo, para redactar o proxecto de humanización da segunda fase.
Segundo explicou o alcalde durante a visita, Foxos “presentaba dificultades de aparcamento e de tráfico” e agora, na metade humanizada, conta cunha beirarrúa de metro e medio de ancho e tapouse unha cuneta para poder estacionar e ampliar a súa superficie útil. A humanización realizada inclúe canalizacións de augas pluviais en ambos marxes da vía e tamén nova rede de alumeado público, preparándoa para cando se modernice a iluminación.
Xunto á rúa Foxos, o Concello traballa actualmente en melloras nas rúas Severino Cobas e Curros, ambas en Lavadores, e na Praza a Feira de Cabral. Tamén o goberno vigués prevé iniciar de forma inmediata as reformas na rúa Torneiro e na Gándara, en Valadares e Beade, respectivamente.