O Concello de Ponteareas renovará o campo de fútbol de Angoares. Xa está aberto o proceso de licitación das obras para a colocación dun novo céspede artificial e un novo marcador nunhas instalacións “que se atopan actualmente deterioradas polo uso intensivo durante máis dunha década, polo que é necesaria unha renovación completa”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.
O edil indicou que “o mal estado do céspede artificial desta instalación multiplica o risco de lesións para os centos de deportistas que o empregan. Conscientes desta situación, levabamos tempo traballando para lograr a solución que agora se materializará con estas obras”.
O obxectivo é “dotar ás instalacións dun terreo de xogo nas condicións idóneas para a práctica deportiva, que posibilite ademais o uso do campo de forma intensiva cun mantemento sinxelo”. Os traballos que se realizarán será a retirada do céspede existente, a reparación do aglomerado asfáltico para corrixir deficiencias na planeidade do terreo de xogo, a colocación dunha base elástica con granulado de caucho cunha gran capacidade de drenaxe, a instalación dun novo céspede de última xeración e a colocación dun marcador electrónico de alta visibilidade.
As actuacións contarán cun orzamento total de case 205.000 euros financiados con fondos propios do Concello e a través dun préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 11 de marzo.