Non podería ter un escenario máis acaído a homenaxe a Rosalía de Castro promovida pola Deputación na sede de Vigo para honrala polo seu día grande. A sala dedicada á autora de Padrón, que leva o seu nome, mesturou esta tarde moitos dos ingredientes que identifican á escritora para preparar un acto con sabor “a gloria”. Así, co caldo así descrito na súa obra Follas Novas e recuperado da man do alumnado do CIFP Manuel Antonio, coa poesía cantada e bailada polos e polas escolares que participaron no certame da Deputación, e lembrada a través do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o evento que encheu a Sala Rosalía vestiuse coa camelia que leva o seu nome e escoitou o son estelar de Ialma, o grupo de pandeireteiras belgas netas de migrantes galegas. Todo para subliñar, como dixo a presidenta Carmela Silva, que “Rosalía provoca alegría, orgullo, que nos poñamos de pé e nos sintamos grandes e fortes. Con ela celebramos a nosa cultura, o noso pobo e celebramos ás mulleres galegas que coma ela son esa luz que nos alumea e que nos fai sentir orgullosas e orgullosos”.
Carmela Silva, acompañada das deputadas de Cultura e Lingua, Victoria Alonso, e María Ortega, amais do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e da autora Marta Dacosta que deu lectura ao manifesto, cualificou a xornada dedicada á autora como “un día de optimismo” e incidiu en que “a bandeira de Rosalía é a nosa; como este pobo non vai celebrar a Rosalía se ela é o pobo mesmo”, dixo. “Temos a sorte de ser un dos poucos pobos do mundo que teñen unha muller como referente –sinalou-. Unha muller avanzada, libre, forte, comprometida coa súa lingua, coa súa cultura e co seu pobo, que era consciente da realidade do espazo e o tempo que viviu e que foi capaz de contalo como ninguén e de reivindicar outra forma digna para que os seres humanos poidan transitar pola vida. Todos e todas nós sentímonos representados en cada unha das súas palabras, das súas reivindicacións e os seus pensamentos”. “Rosalía –engadiu a presidenta – escribiu e contou a este gran pobo, a súa cultura, a súa lingua, a súa xente, sempre da man da xente máis humilde que precisa de que siga habendo voces que a representen”. E recalcou o feito de que “como xa o fóra Rosalía, as mulleres son hoxe as capitanas da revolución cultural que está a suceder en Galicia”.
A programación desta xornada foi promovida polas áreas de Lingua e Cultura da Deputación. A deputada de Lingua, María Ortega, chamou á cidadanía a apuntalar a lingua e a medrar como país da man de Rosalía, a quen definiu como “valente, moderna e rebelde”. Amosouse segura de que a autora de Padrón “está en cada unha das persoas que pon en valor a nosa cultura e a lingua propias máis alá das nosas fronteiras”, e destacou que na Galiza hai “moitas Rosalías, persoas fortes e comprometidas co galego ás que hai que coidar e alentar para que sigan un camiño cheo de éxitos e de divulgación e posta en valor do noso”. Por último, Ortega agradeceu a colaboración de entidades como a AELG e a Fundación Rosalía de Castro camiñando da man da Deputación para afondar no legado rosaliano e organizar e poñer en marcha actividades e iniciativas. Tamén agradeceu ao CIFP Manuel Antonio a degustación do caldo de gloria que Rosalía menciona en Follas Novas, unha receita humilde con moito significado social.
Pola súa banda, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, puxo en valor que a autora de Padrón “con toda a súa grandeza como escritora e muller valente, sufridora e transgresora no seu tempo, segue a ser un faro prendido baixo o que podernos acubillar de cando en vez cando precisamos luz” e recalcou a necesidade de seguir difundindo a súa figura “como exemplo indiscutible da nosa cultura”. Nesta aposta, a Deputación volveu convocar o concurso escolar ”A Nosa Rosalía”, este ano en formato musical con vídeos nos que o alumnado da provincia musicou poemas da escritora. As propostas “amosaron que hai un enorme talento creativo e moitas ganas de cantar e bailar”, como destacou a deputada, cuxa intervención foi seguida da lectura do fallo dos premios aos centros e alumnado gañadores da categoría ‘Airiños’ deste certame, dirixida a escolares de 4º a 6º de Educación Primaria. As crianzas dos colexios seguiron a retransmisión do evento vía telemática, e despois da proxección dun vídeo resumo de todos os centros entregáronse estes galardóns, que recaeron nesta segunda edición no CEIP Portonovo, de Sanxenxo (primeiro premio), o CEIP Plurilingüe Belesar, de Baiona (segundo premio) e o CEIP Chancelas, de Poio (terceiro premio).
No acto foi a escritora Marta Dacosta a encargada de dar lectura ao manifesto da AELG, escrito este ano por Beatriz Maceda co título ‘Pensar [te] libre’, que segue o lema da asociación para 2022 de #SementadePensamentos. “Esta é a forza que atopamos en Rosalía –sinala o escrito-: recoñecérmonos como pobo forte, unido pola lingua”. E amosa “o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para ‘eu tamén navegar’, para facernos parte dunha nosa historia propia e libre”. “Cosamos –conclúe o manifesto– cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos”. Pola súa banda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, sinalou que “é un día moi importante para Galicia porque celebramos unha figura que nos une, que nos representa e que nos move. E iso todo porque ela traballou pola dignidade da nosa lingua, do noso pobo e da nosa terra, e sempre desde principios que respetasen a igualdade e a liberdade. Rosalía é unha figura fundamental na defensa da igualdade das mulleres e hoxe é tamén un día feliz porque con ela celebramos unha esperanza e unha ilusión para Galicia”.
O evento contou coa actuación estrela do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, formado por Marisol Palomo, Verónica e Natalia Codesal e Eva Fernández, fillas de migrantes refuxiadas e refuxiados en Bélxica, que se identifican con Rosalía e foron recibindo o relato das súas familias sobre o amor á súa terra. As artistas interpretaron xunto aos músicos Didier Laloy e Maarten Decombel catro cancións, “Novo alén/baila bela fada”, “Sen Niño”, “Liberdade” e “Rumuxíaba” e mentres soaban estes últimos dous temas as persoas asistentes xa puideron desfrutar da man do alumnado do CIFP Manuel Antonio do “Caldo de Gloria”, servido nunha cunca de barro de olaría artesanal que tamén se puideron levar á casa. Sobre este caldo escribira Rosalía no poema de Follas Novas ‘Miña casiña, meu Lar’, que tamén aparece nos milleiros de manteisque estes días se repartiron entre os concellos e a hostalaría da provincia, seguindo a proposta da Fundación Rosalía de Castro. Amais do alumnado que preparou esta delicia gastronómica, outros catro estudantes do centro apoiaron no acto as tarefas de protocolo, vestidos e vestidas de época con roupa que foi empregada nunha produción sobre Rosalía do Centro Dramático Galego.
O público recibiu tamén como obsequios exemplares da camelia ‘Rosalía de Castro’ queforma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior –igualmente levaron plantas desta camelia os centros gañadores do concurso para plantalos nos recintos escolares–, así como o libro “Violetas no asfalto”, de Lucía Novas, que estrea a Colección Medal de Poesía feita por mulleres do servizo editorial de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación.