Don Eduardo Chao dá á estampa un folleto, recollendo dous longos artigos que publicara a principios de ano no xornal vigués El Miño, baixo o título de La ostricultura en Galicia. Creación de una riqueza millonaria. Comeza dicindo:
“-Unha riqueza millonaria!
– Sí, admirado lector; unha riqueza millonaria, repartida entre estes doce mil afoutos e sufridos mariñeiros da nosa costa, que viven traballosamente da máis azarosa das industrias, a pesca; entre esas pobres familias que tantas veces, cando neno, vin retirarse tristemente da praia diante dunha sacada baleira.
“Axiña fará dous anos que, pasando en Vigo algúns días, souben do afamado criadeiro natural de ostras de San Paio estaba case agotado; a tal punto que valía a vinte reais o cento, que noutros tempos se vendía a seis cuartos. Pois se isto sucede agora, dixen, que será cando o ferrocarril, estendendo ás Castelas o seu consumo, excite a cobiza do especulador e estimule ao sempre necesitado? Lembrei entón os criadeiros artificiais que anos atrás vira de paso, como simple curioso, en Inglaterra e Italia, e concebín a idea de estudar devagariño esta nova industria; cuxos resultados, case fabulosos, coñecía só polos informes dalgunhas revistas científicas, para chamar sobre ella, se me convencía da súa verdade, a atención dos meus paisanos.”
E, en efecto, aquel espírito atento a toda novidade científica de orde económica, aberto a toda inquedanza espiritual, estuda, para beneficio alleo- pois el non era home de empresa- a bioloxía da ostra e os varios sistemas de a súa explotación industrial, en países máis preocupados que o noso por arrincar da natureza os máximos beneficios. Ao propio tempo, dá unha aldrabada de atención, en torno aos perigos da extracción masiva das riquezas do mar e- con visión profética- propón o cadro da escasez dalgunhas especies, que nos nosos días palpamos. Mais, en troques, non foi profeta ao propugnar a explotación industrial ostrícola, en criadeiros artificiais, pois ninguén escoitou a súa voz, avalada mesmo polo testemuño histórico: “Sabédeo, pois, espíritos desconfiados- dicía Eduardo Chao- : a cría da ostra facíase xa, ben que empiricamente, a principios da nosa era cristiana, é dicir, 1800 anos antes de Cristo, en Italia, segundo testemuño do naturalista, Plinio. El refírenos que un cabaleiro romano, chamado Sergio Orta, enriqueceuse cun criadeiro que formou no lago Lucrinio, que é o Averno dos poetas. Se ides hoxe as ribeiras de Fusaro, lago salgado preto dunha circunferencia, situado nas inmediaciones do cabo Miseno, e que Virxilio poetizou baixo o nome de Aquerinte, atoparedes procedementos na esencia iguais aos que agora deduciu e formulou a ciencia.”
Encanta comprobar que a poesía non está rifada con nada. Nin sequera coas ostras, ese ser, polo visto, tan aborrecido e, polo gustado, tan sabedeiro. Mais a don Eduardo Chao non lle fixeron caso; o crustáceo en cuestión continuou aborrecéndose, abandonado a súa sorte, nas nosas rías, e soamente agora, ao cabo de case un século, iníciase timidamente unha explotación ostrícola racional, tras o fabuloso- é palabra de Chao- exemplo do mexilón. Ben farán os nosos Virxilios en poetizar con nomes líricos a fecunda xenerosidade das nosas rías e enseadas, de paso que os homes de acción aprenden a proveitar a coiuntura, creando unha nova riqueza millonaria. Porque ostras con sonetos fan un menú cabal. Sáibano aqueles que piden menos lírica e máis piñeiros. Virxilio e o lago Aqueronte veñen hoxe na nosa axuda.
25 de febreiro de 1866. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).