O Bloque Nacionalista Galego pide que a Xunta asegure o instituto no barrio vigués de Navia para o curso 2023-2024. A fronte nacionalista acusa ao Goberno galego do PP de mentir de maneira reiterada sobre o proxecto, para o que non ten iniciado nin tan sequera o proceso de licitación malia anuncialo meses atrás, motivo polo que o BNG vén de presentar unha nova batería de iniciativas no Parlamento autonómico.
“Basta xa de mentiras, a Xunta leva anos recoñecendo que o instituto de Navia é unha necesidade pero segue sen asignar un orzamento que permita sacalo adiante”, denunciou a deputada do BNG na cámara galega, Alexandra Fernández. “As promesas, as boas palabras, teñen que traducirse en compromisos concretos”, reclamou en relación a insuficiente partida de 50 mil euros recollida nas contas da Xunta para este ano.
Fernández recordou que Vigo precisa de máis prazas nos centros de ensino público e, neses sentido, demandou que Navia, un dos máis poboados e con maior número de persoas en idade escolar, deixe de ser “un barrio de segunda sen equipamentos tan básicos como é un instituto”. Na actualidade, as familias e o alumnado teñen que facer máis de 8 quilómetros até o instituto de Valadares.
Na mesma liña, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, esixiu que a Xunta poña fin á “permanente tomadura de pelo” á veciñanza de Navia. “Un instituto para un barrio tan importante e que ten sido reiteradamente prometido pero que vemos como a Xunta de Alberto Núñez Feixóo e de Marta Fernández-Tapias insisten en non executar”, criticou.
Igrexas lamentou que o goberno do PP teña rexeitado as sucesivas emendas do Bloque aos orzamentos da Xunta para asegurar o instituto. “A situación que vive o barrio de Navia é unha evidencia máis da clamorosa política de abandono que o PP practica contra a maior cidade de Galiza”, afeou o edil nacionalista. “Non hai ningunha xustificación, toda vez que o Concello de Vigo pon a disposición da Xunta os terreos necesarios”, engadiu.