O Festival de Cans, que este ano celebra entre o 18 e o 21 de maio a súa XIX edición, pechou nestes días o prazo de inscrición das curtametraxes a concurso achegándose ás 200 obras inscritas. Esa é unha cifra moi positiva, tendo en conta que ao celebrarse excepcionalmente a última edición no mes de setembro e a nova edición en maio, o período de produción de obras a concurso reduciuse en varios meses.
En total, foron 187 curtametraxes, videoclips e obras diversas, as que se apuntaron na web do festival para buscar un oco entre as finalistas. Recibíronse un total de 52 obras de ficción, 48 videoclips, 32 obras de non ficción na categoría Furacáns e 33 en Novas Camadas, 4 curtametraxes de animación e 20 obras de diferentes formatos, coa posibilidade de buscar un oco nas seccións paralelas do festival.
Desde a organización destacan o salto cualitativo das obras a concurso que, ademais de Galicia, chegaron procedentes de distintas cidades do Estado como Madrid, Barcelona, Estremadura ou Valencia e doutros países, onde desenvolven o seu traballo moitas e moitos creadores galegos, coma o Reino Unido, Portugal, os Estados Unidos, Francia ou Israel.
O festival volverá superar nesta XIX edición a cifra dos 10.000 euros en premios. En concreto, serán 10.100 euros, aumentando as dotacións nas categorías Furacáns, destinada ás obras de non ficción, e Novas Camadas, destinada ás creadoras e creadores mais novos, que teñan 25 anos ou menos e naceran de 1997 en diante. Estas dúas seccións son as que máis medraron nas dúas últimas edicións, e o festival quere deste xeito seguir potenciándoas, facendo un esforzo por non reducir en ningún caso esta aportación tan necesaria para premiar o labor de creadoras e creadores.
A partir de agora, iníciase un laborioso proceso de visionado das obras que pasarán primeiro o filtro do comité de selección das mesmas, e posteriormente as pezas finalistas serán xulgadas por cada un dos tres xurados específicos que terá o certame, ademais do xa clásico xurado das veciñas e veciños, composto por persoas da aldea de diferentes idades que representan os diferentes barrios.
Máis de 50.000 seguidores nas redes sociais
Á altura dos grandes festivais de cine en España, como a Seminci, Zinemaldia ou Málaga, o Festival de Cans vén de superar neste 2022 a cifra das 50.000 subscricións nas súas redes sociais, o que o converte no certame cinematográfico máis seguido nas redes en Galicia, nun dos máis relevantes incluso contabilizando os festivais musicais, e en todo un referente cultural a nivel estatal.
Esta cifra dá conta da impresionante repercusión que Cans conseguiu nas súas últimas edicións, inclusive as celebradas en pandemia, con contidos orgánicos que superaron as 35.000 persoas acadadas no Facebook, os máis de 10.000 seguidores no Twitter ou as 5.000 impresións en Instagram, situando o festival entre os de maior presenza en liña no circuíto de certames cinematográficos da península. O Festival abriu tamén o pasado ano de xeito experimental unha nova vía na rede Twitch, onde este ano reforzará os seus contidos.