O comité de empresa de Ambulancias do Atlántico denunciou este martes que o Sergas “vulnera” unha vez máis o seu dereito de folga ao decretar uns servizos mínimos “abusivos”, como xa fixera en 2019 durante os paros para reclamar un convenio colectivo digno, segundo decretou posteriormente o TSXG. Este martes tivo lugar a primeira das catro xornadas de paro convocadas no servizo de transporte sanitario urxente e programado da área sanitaria de Vigo para rexeitar os incumprimentos da empresa, e técnicos de emerxencias desenvolveron unha concentración no hospital Álvaro Cunqueiro.
Dende a representación do cadro de persoal critican que a administración teña fixado uns servizos mínimos do 100% no transporte urxente, “algo que era de agardar”, e de practicamente o 100% no programado, con algunha excepción nos traslados para rehabilitación.
Acusan o Sergas de “mirar cara ao outro lado” ante os incumprimentos de convenio e en materia de seguridade e saúde laboral, ao que se suma o recente despedimento de catro traballadores. Neste senso, entenden que esta vulneración do dereito de folga “amosa a connivencia da administración coa empresa, xa que contrata servizos en precario e deixa que as compañías fagan o que queiran”.
Ambulancias do Atlántico comunicou sen previo aviso os catro despedimentos alegando “unha suposta baixada no rendemento laboral, algo imposíbel de cuantificar e de demostrar no noso caso, que non producimos nada senón que tratamos con persoas”. Logo pechouse en banda e non quixo reunirse coa representación sindical. “Diante disto só nos queda a mobilización e a folga”, indican dende o comité, presidido pola CIG.
Denuncia contra o Sergas e a empresa
Mais neste punto entra o Sergas, que “coa súa actitude impide que o persoal exerza o seu dereito a secundala, como xa aconteceu durante os paros convocados en 2019” para reclamar un convenio digno. O TSXG decretou que os servizos mínimos eran abusivos, pero cando a folga xa rematara. Nesta ocasión presentaron tamén un recurso contra os servizos mínimos, que foi desestimado pola administración.
Diante disto, volverán denuncialos no xulgado, “aínda que cando chegue a resolución os paros xa terán rematado”, ao tempo que presentarán unha demanda contra a empresa despois de que lle comunicase aos traballadores que estaban obrigados a ir a traballar cando aínda se estaban a negociar os servizos mínimos.
Coincidindo coa folga, técnicos de emerxencias están a desenvolver un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración no hospital Álvaro Cunqueiro e que continuará este mércores 30 en Povisa ás 12.00 horas, o venres 1 de abril nas instalacións da empresa en Mos ás 12.00 horas e o luns día catro no hospital Nicolás Peña ás 12.00 horas.