Con motivo da chegada da Semana Santa, Vigo reactivará o autobús turístico, que volverá percorrer os puntos emblemáticos da cidade desde este sábado 9 de abril e ata o vindeiro domingo, 17 de abril. O servizo estará dispoñible con catro viaxes diarias que saen desde a estación marítima ás 10.00, ás 12.00, ás 16:30 e ás 18:30 horas.
Os billetes poden comprarse de forma anticipada na web de Turismo de Vigo, na plataforma Woutick! e na web de Vitrasa.
Ademais, Vigo ampliará os horarios da rede de museos municipais desde o xoves 14 de abril e ata o domingo 17 de abril. Así o Verbum, a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego e o Museo Quiñones de Léon de Castrelos abrirán de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Abel Caballero referiuse na rolda de prensa deste martes á presenza do cadro ‘Trasmundo’ no Museo de Arte Contemporánea Reina Sofía de Madrid, que visitou este luns. O alcalde trasladou o “enorme orgullo que sentín ao ver que expón nun dos tres mellores museos de arte contemporánea do mundo” a “grande obra de Laxeiro”. “Está presente formando parte da colección permanente ao mesmo nivel que o Guernica de Picasso”, recalcou.
Sobre os museos municipais, esta é a programación que poderán visitarse durante estes días e a Semana Santa:
Casa das Artes
– Exposición temporal: “Illas Cíes. 2º Desafío fotográfico e audiovisual Cíes Talent Cómic Grafitti”
– Colección Luís Torras
– Fundación Laxeiro: Colección Permanente e “Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas da primeira época”
Casa Galega da Cultura
-Museo Francisco Fernández del Riego
-Exposición temporal: “Manuel Moldes. Vieiros na memoria”
Verbum
– Exposición permanente
Museo Quiñones de León en Castrelos
– Colección Arqueolóxica
– Recreación do pazo galego e colección de pintura antiga e artes decorativas
Pinacoteca Francisco Fernández del Riego
– Exposición permanente: “A nova colección Colmeiro”
– Exposición temporal: “Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega”