A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da UVigo, xunto coa súa Delegación de Alumnado, mantén aberto o prazo para participar na terceira edición do concurso Eme_Pakuxa 2022, un certame no que as e os concursantes terán que improvisar un discurso que acompañará a 16 diapositivas “sorpresa” que aparecerán cada 20 segundos na pantalla.
A competición insírese nun formato de orixe xaponesa chamado Pecha Kucha (que, en xaponés, fai referencia a unha onomatopea que representa o son dunha “charla casual”), no que as persoas participantes teñen que empregar o seu enxeño para adaptar a súa disertación a unha serie de imaxes que se van descubrindo a medida que se desenvolve a presentación. O obxectivo deste sistema é que os poñentes sexan capaces de artellar unha exposición orixinal, concisa, entretida e coherente sen depender dun discurso pechado que non deixe lugar á adaptación do mesmo ás circunstancias do momento.
As persoas interesadas en participar nesta terceira edición do certame de oratoria improvisada terán ata o 10 de abril para enviar un correo electrónico a eme@uvigo.es, no que indiquen o seu nome completo e os estudos que están a realizar. A competición desenvolverase o mércores 20 de abril na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e, ese mesmo día, proclamarase o gañador ou gañadora do certame, que recibirá un premio da Escola.
O xurado do concurso, que estará composto por dúas persoas dos graos impartidos na EEME e por persoal docente do centro, valorará a creación dun discurso con orixinalidade e creatividade que se fíe axeitadamente en torno a unha sucesión rápida de imaxes. Terase en conta a posta en escena, a capacidade comunicativa do ou da participante e a cohesión entre a imaxe e as palabras.
Na edición pasada, Mateo González, estudante do Máster de Telecomunicación, conseguiu facerse coa vitoria fronte a Antonio Ramos, do Grao de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. Ambos disputaron un enfrontamento no que primou o humor con chistes e bromas coas que distenderon a situación, na que se palpaban os nervios e a tensión polo descoñecemento das imaxes.