O Bloque Nacionalista Galego de Vigo urxiu este xoves arranxar a iluminación do campo da ETEA, que leva máis de ano e medio sen luz na metade do terreo de xogo. A fronte nacionalista denuncia o “inexplicábel” abandono desta instalación deportiva, malia as numerosas queixas dos clubs e deportistas, e o silencio por parte do Goberno municipal diante das interpelacións realizadas polo Bloque para esixir actuacións.
“O BNG temos que denunciar un exemplo máis do desleixo e da total falla de xestión do goberno de Abel Caballero nunha cuestión tan importante como é o mantemento e o correcto funcionamento das instalacións deportivas do noso concello”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista explicou que os clubs e deportistas que fan uso deste campo, ubicado no barrio de Teis, só poden adestrar na metade do terreo de xogo desde hai máis dun ano e medio porque non funcionan as torres de iluminación. “En determinadas horas do día, nomeadamente nas que se fai un maior uso da instalación, é impracticábel a metade non iluminada do campo”, criticou.
Igrexas cualificou de “aberrante” a falla de solucións do Goberno local. Desde o BNG trasladaron esta situación na última Comisión Informativa de Deportes, celebrada a pasada semana, sen obter aínda ningunha resposta nin explicación por parte do concelleiro na materia, Manel Fernández.
“Un concello que ten un orzamento millonario, que goza dunha importante capacidade de intervención, non pode consentir ter os clubs deportivos e deportistas da cidade adestrando apiñados na metade do campo sinxelamente porque as luces non funcionan”, recriminou o concelleiro do Bloque.
🎦 Sen iluminación desde hai ano e medio no campo da ETEA
“Un concello cun orzamento millonario como #Vigo non pode consentir ter os clubs deportivos adestrando apiñados porque as luces non funcionan”
🗣️ @contradiscurso pic.twitter.com/PkSERgsryL— BNG Vigo #EnBloquePorVigo ✊🏼 (@bngvigo) April 28, 2022