Tras dúas semanas cunha intensa axenda de actos, xuntanzas e presentacións, este luns remata a campaña electoral de Manuel Reigosa como candidato de H2040 para renovar o seu cargo como reitor da Universidade de Vigo. E a xornada foi tan atarefada como o foron as anteriores, con tres actos pola mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e na Escola de Enxeñaría Industrial e, xa pola tarde, cunha xuntanza virtual co colectivo de posdoutoramento.
Neste tempo, o reitor xunto cos candidatos e candidatas a vicerreitores, percorreu todos os centros da Universidade “con moita ilusión, presentando o novo equipo e as novas propostas que pensamos que mellorarán a institución”. Agora esta axenda deixa paso á xornada de reflexión mañá martes e á votación, que terá lugar o mércores entre as 10.00 h e as 18.00 horas. “Rematamos aínda máis ilusionados, e co convencemento de que, se conseguimos o apoio maioritario da comunidade universitaria, seremos quen de levar a cabo o programa de goberno e presentar dentro de catro anos unha institución máis igualitaria, máis internacional e máis galega”.
Pero a campaña do actual reitor tivo adaptarse á circunstancia de ser o único candidato, deseñando actos que permiten presentar as súas propostas sen posibilidade de confrontalas con outro equipo. Con todo, recoñece que foi “tan intensa como a anterior”, que en 2018 o levou á Reitoría tras impoñerse na urnas á candidatura de Emilio Fernández. Por exemplo, “tentamos substituír os, para min, importantísimos debates entre persoas candidatas polas ‘quendas abertas’, celebrando unha en cada campus. Nelas, realizadas en modo mixto, chegáronnos cuestións a través do Campus Remoto, das redes sociais, da xente que acudiu… así que cumprimos co que desexabamos, que a xente puidera escoitar, ademais de no seu centro, nunhas intervencións centrais, a resposta ás súas inquedanzas. E, por suposto, as visitas ós centros foron moi frutíferas”.
Preocupa a baixa participación
De cara á xornada electoral, Reigosa non agocha a súa preocupación por unha “posible baixa participación” como consecuencia de terse presentado unha única candidatura. A este respecto, fai unha chamada á mobilización e destaca que “é importante que, se gañamos, teñamos un apoio forte e que se poda dar visibilidade que representamos lexitimamente á comunidade universitaria”. En canto ao resultado, aínda que non fai ningunha predición, “se é polas manifestacións públicas que recibimos, teremos un bo resultado, pero tamén é certo que hai movementos que non son tan públicos a favor do non. As urnas serán as que digan que podemos esperar no vindeiro período”.
Respecto da ausencia de máis candidatos, o reitor recalca que “é evidente que para o fortalecemento democrático da nosa Universidade, tería sido positivo que houbera varias” e convida a toda a comunidade universitaria a reflexionar “sobre as razóns da ausencia de candidaturas en decanatos, direccións de centro ou direccións de departamento”.
Novos compromiso
As liñas programáticas coas que H2040 concorre a estas eleccións baséanse nos eixos transversais do novo Plan Estratéxico da UVigo e márcanse como obxectivo acadar, despois dos próximos catro anos, “unha institución máis igualitaria, máis internacional e máis galega”, como destacaba este luns no acto na Facultade de Filoloxía e Tradución. Ao longo das dúas semanas de campaña, Reigosa foi debullando tamén propostas para facer fronte aos retos máis inmediatos que ten por diante a institución: o recambio xeracional, a transformación dixital e a aposta pola sustentabilidade.
O programa inclúe, entre outras, medidas como a docencia cero tras a maternidade; revitalizar o Claustro e os Consellos de Campus; continuar co descenso progresivo da dedicación docente máxima ata chegar no curso 2024/2025 ás 240 horas anuais; potenciar as políticas de retención e talento e de atracción de investigadoras e investigadores internacionais ou a renovación do cadro de persoal para facer fronte ao elevado número de xubilacións, tanto do persoal docente e investigador (PDI) como de administración e servizos (PAS) previstas para os próximos anos.
Sobre a acollida que tiveron estas propostas entre a comunidade universitaria a través dos actos celebrados en todos os centros dos tres campus, Reigosa considera que foi “moi boa” e que, grazas ás achegas, comentarios e intervencións das persoas que forman parte do colectivo universitario, poderanse “matizar” algunhas das medidas de H2040 e “melloralas cando esteamos negociando o seu desenvolvemento, polo que quedo moi agradecido á toda a comunidade universitaria”.
De feito, moitas destas achegas están sendo incorporadas como compromisos electorais. “Trátanse de aspectos que non estaban explícitos no programa de goberno, pero que son compatibles e que, no caso de que teña a honra de gobernar de novo a Universidade de Vigo, formarán parte da acción de goberno”.
Estes compromisos, avanza Reigosa, estarán pendurados na páxina web da campaña este mesmo luns, antes da xornada de reflexión e, “se o mércores obtemos a confianza da comunidade universitaria, quedarán visibles durante todo o mandato, ao igual que as liñas programáticas e o propio programa de goberno”. Ademais, o reitor tamén se compromete a informar cada ano no Claustro do grao de cumprimento destes compromisos e facer pública toda esta información a través do Portal de Transparencia.