O Festival de Cans, que se celebra do 17 ao 21 de maio, volve á primavera, coas súas datas tradicionais, cos desfiles de chimpíns e cos concertos gratuítos en lugares emblemáticos como o Torreiro de Cans. Precisamente, este espazo acolleu este martes a presentación da décimo novena edición do certame.
«Unha gran sección oficial, con múltiples actividades paralelas para todos os públicos, a presenza de destacados cineastas e intérpretes, música, libros e coloquios», eses son os eixes que sustentan esta proposta cultural e a programación do certame este ano, segundo indicou o seu director, Alfonso Pato, quen deu a coñecer tres dos pratos fortes, como serán o coloquio na leira co cineasta Daniel Monzón, o concerto no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, de Amparanoia e a apertura do certame, que será co primeiro capítulo da serie Rapa de Jorge Coira.
Durante catro días, terán lugar preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, máis dunha vintena de concertos, exposicións ou coloquios. O Festival recupera ademais este ano algúns dos seus espazos máis emblemáticos. Ademais das proxeccións en casas, baixos e cubertos da aldea, que aumentan a súa capacidade, ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso, a Noite Lasal dos videoclips volve o xoves á praza do Concello do Porriño e recupéranse os concertos gratuítos nocturnos no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
Ese será o epicentro desta edición, o lugar das grandes homenaxes, o coloquio, a entrega de premios e os principais concertos, que o venres suman ao cartel á madrileña Amparo Sánchez, Amparanoia, que celebra 25 anos de carreira musical como pioneira da mestizaxe de estilos e que porá a bailar ao público a golpe de fusión de ritmos, da cumbia ao reggae caribeño, pasando polo pop progresivo, a electrónica ou o hip hop.
Na presentación do XVIII Festival de Cans participaron representantes das administracións que apoian esta iniciativa coma o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Este último destacou a maxia do lugar, da veciñanza, e o trampolín para creadores deste festival, que dixo «sitúan O Porriño no máis alto da cultura».
No mesmo sentido pronunciouse Román Rodríguez, quen recoñeceu estar enganchado ao festival de Cans «tanto no persoal coma no profesional», e parabenizou a organización por continuar durante este dous anos tan malos». O conselleiro de Cultura afirmou que o de Cans é un festival que nos proxecta e que xera un retorno económico significativo. Pola súa banda, Victoria Alonso, destacou o carácter inclusivo e con perspectiva de xénero da programación. «Poucos festivais teñen tanto talento feminino coma Cans», remarcou, para indicar que se trata do terceiro evento cultural máis importante de Galicia.
Xunto a eles, patrocinadores que fan tamén posible a realización deste certame como Estrella Galicia ou Gadis ademais da delegada da Fundación AISGE en Galicia, a actriz e presentadora Isabel Blanco, quen celebrou que «o incremento en apoios e calidade do festival ten sido espectacular».
“Rapa”, de Jorge Coira abrirá o festival
“Rapa”, a última serie dos creadores da exitosa Hierro, dirixida por Jorge Coira, que suma unha nova proposta ao Galician noir e se estrea ese día na plataforma dixital Movistar +, será a encargada de abrir esta XIX edición do festival, o xoves 19 no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Desfilarán en chimpín e protagonizarán un coloquio ao remate da proxección os guionistas Pepe Coira e Fran Araújo, e parte do elenco con Mónica López, Lucía Veiga, Eva Fernández, Ricardo de Barreiro e Mabel Rivera.
Ademais das obras a concurso, o Festival de Cans estreará “Sinais Furtivos”, unha retrospectiva das pezas curtas da cineasta Margarita Ledo, que participará na proxección destas obras, algunhas delas inéditas e que este ano recollerá o Premio Pedigree. Acompañarana na noite das homenaxes os chimpíns de prata Federico Pérez e Javier Tolentino, ademais dos veciños Alfonso González e Marisol Troncoso.
As longametraxes “Malencolía”, de Alfonso Zarauza, “Valentina”, de Chelo Loureiro, e “Un Blues para Teherán”, de Javier Tolentino, son outras das proxeccións que se realizarán fóra da sección oficial e que contarán coa presenza dos realizadores. No caso do xornalista Javier Tolentino, tamén o poderemos ver no xurado de Furacáns e presentando o work in progress do seu novo filme “Mar Rojo” en «A que andas?», dentro das actividades paralelas. Xunto a el, presentarán propostas Rafa de los Arcos, Noelia Muíño, Samuel Lema, Olga Osorio e Miguel Ángel Delgado.
Diálogos, coloquios e correspondencias
O director portugués João Nicolau, o mallorquino Daniel Monzón e os galegos Ignacio Vilar ou Alfonso Zarauza pasarán este ano tamén por Cans xunto a actores como Chechu Salgado, Tamar Novas e Federico Pérez ou as actrices Melania Cruz e Mabel Rivera. Tamén o farán realizadores e integrantes dos equipos das curtametraxes que participan na sección oficial deste XVIII Festival de Cans.
O público do Festival de Cans poderá participar nun coloquio co realizador João Nicolau, un dos representantes máis interesantes do novo cinema portugués, que que fará unha introdución das catro curtas incluídas na retrospectiva que se presenta no marco do festival. Será o protagonista do foco internacional desta edición, que inclúe a proxección previa ao certame das súas tres longametraxes no Centro Cultural do Porriño: “A rosa e a espada”, “John From” e “Technoboss”.
A promoción do diálogo cos cineastas, e entre cineastas, continúa a estar entre os eixos de traballo do certame. O Festival de Cans inaugurou a pasada edición a sección «Correspondencias» con clara vocación internacional e co obxectivo posto en tender pontes entre cineastas españois e latinoamericanos. Este ano proxéctase a segunda parte da correspondencia fílmica cruzada entre o galego Eloy Domínguez e o colombiano Samuel Moreno.
Homenaxes e actividades paralelas
Os profesionais do audiovisual e da cultura volverán percorrer en chimpín unha aldea de cinema que este ano homenaxea tamén celebra o centenario do nacemento de María Casares, coa inauguración da rúa efémera que leva o seu nome e centrando boa parte dos coloquios AISGE, das obras de LendoCine e unha das actividades infantís do apartado Minicans Gadis.
O Festival de Cans recupera actividades didácticas para colexios, coa asistencia duns 500 rapaces durante as matinais dos mércores coas proxeccións de Cans do Futuro e as curtas finalistas de A senda dos faros. Tamén repiten os roteiros literarios ou musicais, con clásicos do certame coma o escritor Carlos Meixide e o polifacético creador Xurxo Souto xunto a Magín Blanco que fará gozar a cativada coa súa música co Caderno de Flores e Cancións, o seu novo espectáculo patrocinado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística.
Ademais deste departamento, o XIX edición do Festival de Cans ten entre os seus principais patrocinadores a Xunta de Galicia, Estrella Galicia, Gadis, o Concello do Porriño, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, a través do ICAA.