A memoria é soporte da identidade. Somos porque fomos. Esta afirmación cobra especial relevancia cando o exercicio da memoria é o camiño inexorábel para atinxirmos a verdade, xustiza e reparación de todo o dano ocasionado pola cruel ditadura franquista.
Ese exercicio de hixiene democrática é imprescindíbel para evitarmos encubrir con impunidade feitos que nunca máis deben volver repetirse. É vital para artellarmos unha convivencia democrática. Non é axuste de contas cos vitimarios, senón un acto de xustiza, inda que serodia, coas vítimas. E, ao tempo, unha afirmación práctica de compromiso en chave de futuro para evitar que a reacción volva abrirse paso.
Neste sentido, a retirada da simboloxía fascista é un imperativo estritamente democrático. Na nosa cidade foi o BNG quen iniciou con determinación, e a pesar dos indisimulados e incomprensíbeis atrancos do propio PSOE, ese proceso na altura de 2010 retirando do frontispicio da Casa das Artes o emblema da ditadura. Continuaría coa discutida e recente cubrición do mesmo escudo da fachada do Santa Irene. Mais restan inda un número non pequeno de símbolos fascistas espallados na cidade. Da infame aguia franquista do edificio de Aduanas até os pequenos emblemas falanxistas instalados en edificios de vivendas construídas durante a ditadura.
Poderíamos abordar sen complexos, e tamén con necesaria autocrítica, a falla dun impulso municipal máis decidido e firme para avanzarmos a maior velocidade e intensidade na retirada desta simboloxía que continúa a ofender a memoria das vítimas da ditadura e, en xeral, a todas e todos os demócratas. No entanto, ao que estamos asistindo nos últimos anos en Vigo é a unha evidente involución que acaba por cristalizar nunha caste de skyline reaccionario: o que une os vértices da cruz fascista do Castro, en pleno corazón da cidade, e a escultura xigante do Sagrado Corazón de Xesús que vai coroar a ermida da Guía, nun barrio de Teis que foi cenario cruento da brutal represión fascista.
A cruz do Castro, instalada pola ditadura na daquela nomeada praza da División Azul e inaugurada con grandes fastos polo propio Generalísimo en 1961, mantense en pé por causa da decisión de Abel Caballero en 2015 de recorrer a sentenza que ordenaba, de maneira bastamente argumentada, a súa derruba. Un alcalde socialista que se reivindica “exiliado” (sic) do franquismo en Cambridge convertíase, desta maneira, no derradeiro atranco para cortar o paso da reivindicación democrática que empurrou con valentía a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.
E o mesmo rexedor é quen arestora patrocina con grande entusiasmo que se coroe a ermida da Guía cunha escultura de 6 toneladas do Sagrado Corazón de Xesús. Un símbolo relixioso que conta, desde a súa xénese histórica, cunha evidente significación reaccionaria e que foi utilizado de xeito claro polo nacional-catolicismo como emblema do seu cruzadismo belicista para lexitimar pola “graza de Deus” a ditadura nacida do golpe de 1936. Un feito acreditado de maneira incontestábel que con ousadía ten sido divulgado por historiadores como Lucio Martínez Pereda.
Como sinalaba a este respeito nun artigo a comprometida xornalista Montse Fajardo “o proxecto franquista, ese símbolo do catolicismo máis integrista, vaise realizar en pleno século XXI grazas a un investimento de 100.000 euros de dúas institucións gobernadas polos socialistas: Deputación e Concello”. O que a ditadura non logrou, por falla de recursos nos anos 50 do pasado século, será realidade en pleno 2022.
Se xa resulta inaceptábel, por un esencial respeito á non confesionalidade das institucións, que se destine diñeiro público a este tipo de dispendios, a súa connotación reaccionaria faino absolutamente intolerábel.
Pasma e revolve ver as imaxes do alcalde posando sorrinte e cun triunfal V de vitoria nos dedos a carón do Sagrado Corazón de Xesús. Unha estampa que é resultado de entender a política como un permanente photocall. Dese populismo casposo que acaba mesmo vernizando a simboloxía reaccionaria. Algo ben máis grave do que patético.
Mais, con certeza, a dignidade democrática volverá abrirse paso máis cedo que tarde nas rúas e monumentos desta cidade combativa, como demostraron as folgas de 1972 das que se cumpren precisamente 50 anos. Farémolo recuperando a memoria fronte a quen nos quere anestesiar inoculando unha inxusta amnesia forzosa. Entrementres, o mínimo, será impedirmos que se financie con diñeiro público do Concello de Vigo a instalación de símbolos reaccionarios.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo.