O Festival de Cans, que este ano suma unha xornada de programación coincidindo co Día das Letras, comeza este 17 de maio a súa semana grande. Tras o éxito da retrospectiva das tres longametraxes de João Nicolau na previa do certame, o Festival de Cans únese ás conmemoracións deste martes festivo na comunidade con cinema e arquitectura feitos en Galicia.
‘Malencolía’ é a nova longametraxe do director compostelán Alfonso Zarauza, un dos participantes máis fieis participantes deste festival. Na edición do 2021 presentaba este proxecto en Fillxs de Cans, e estará este martes 17 ás 17.30 h na proxección no Centro Cultural do Porriño. Nese mesmo espazo, ás 20 h, terá lugar a inauguración da exposición ‘Entre Cans e Venecia’, dos arquitectos coruñeses Juan Creus e Covadonga Carrasco, que inauguran a montaxe exposta na famosa Bienal de Venecia.
Con 11 nominacións aos Premios Mestre Mateo celebrados en marzo, ‘Malencolía’ fíxose con dous galardóns, os de Diego Anido e Iolanda Muíños como mellores actor e actriz de reparto. Rodado no Carballiño, o filme, que mestura terror e comedia, narra a volta ao rural galego desde Berlín da parella protagonista, formada por Xulio Abonjo e Melania Cruz. Tras mercar unha casa por Internet, intentarán comezar unha nova vida nunha pequena aldea na que vive Isolina, a única veciña, unha personaxe moi peculiar. Á proxección, que será de entrada libre ata completar cabida, acudirán o director e guionista, Alfonso Zarauza, xunto a Melania Cruz e Ledicia Sola, outra das integrantes do elenco.
Ao remate deste pase, tamén no Centro Cultural do Porriño, ás oito da tarde, está prevista a inauguración da mostra de arquitectura que os coruñeses Juan Creus e Covadonga Carrasco levaron en 2020 á Exposición Internacional de Arte de Venecia, unha das citas máis relevantes do sector a nivel mundial. Titulada ‘De Cans a Venecia’, a instalación exposta na cidade italiana reflexionaba acerca da relación do festival co territorio onde se celebra, afondando na reconversión dos espazos cotiáns e de uso privado, neste caso os ‘ghalpóns’, en lugares de acción cultural públicos.
A instalación exhibida en Venecia e mais as maquetas sobre as que traballaron os arquitectos antes de lle dar a forma definitiva, viaxan agora por primeira vez ao lugar onde naceron e serán expostas ata finais de maio, como parte da programación do Festival de Cans.
Últimas entradas á venda
Quedan menos de 25 localidades dispoñibles para asistir aos pases matinais da sección oficial de ficción e animación, que xa colgaron o cartel de completo na sesión de tarde. Están tamén á venda as últimas entradas para visionar a selección a concurso de Furacáns, a categoría de curtas de non ficción. Poden adquirirse na tenda en liña do festival, que pecha a venda a través da Internet este martes 17 pola noite.
Para vivir a experiencia do Invernadoiro, e tras esgotarse as entradas da proxección do documental de Óscar Vilanova sobre Litus e a actuación deste con Pablo Novoa, quedan xa moi poucas dispoñibles para asistir á retrospectiva audiovisual e performance musical de Javi Álvarez, do dúo Fluzo, que actuará o día grande do festival de Cans nese espazo tan singular.
Programa completo do Festival de Cans