O albergue público de peregrinos Juan Manuel López Chaves recibiu no que vai de ano un total de 1.127 visitantes, dos cales 167 chegaron na última semana, co que se confirma o incremento da afluencia ante a proximidade da época estival. A Xunta de Galicia destaca que a nova instalación aberta o pasado verán, tras un investimento de 1,8 millóns de euros, converteuse xa nun elemento dinamizador do Casco Vello de Vigo e ratifica así o seu éxito como grande hospedería no Camiño da Costa.
Os datos acadados nos primeiros dez meses de funcionamento demostran “o auxe dunha infraestrutura” que conta con capacidade para 93 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos, explica a Xunta nun comunicado. Así, no ano 2022 nótase xa o aumento da afluencia, pasando das 34 persoas que se aloxaron en xaneiro a 63 en febreiro, 215 en marzo e 500 en abril. No que vai de mes de maio xa son 315 os peregrinos que se aloxaron no albergue.
“Vigo rexistra nos últimos días un aumento da afluencia de peregrinos, nova mostra da importancia da cidade no Xacobeo e da necesidade de sinalizar a ruta, porque centos de visitantes camiñan polas nosas rúas sen rumbo debido á falta de implicación do Concello”, apuntou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Desde a súa apertura, o pasado 1 de xullo de 2021, o albergue recibiu a máis de 3.000 peregrinos. O edificio conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento, que reflexa o compromiso do Executivo galego para que a cidade contase co albergue de peregrinos que se merece. Marta Fernández-Tapias destacou os beneficios que reporta o Camiño ás economías locais, máis aínda cando as rutas xacobeas comenzan a rexistrar un notable incremento de peregrinos.