O antigo comisario xefe da Policía de Vigo perante moitos anos e que logo foi xefe superior da Policía Autonómica Galega ata a súa xubilación, Luis García Mañá, acaba de presentar en El Corte Inglés de Vigo a súa derradeira novela: “Non é de Taramundi”, editada pola Editorial Galaxia.
Luis García Mañá é licenciado en Dereito e no seu haber ten numerosos méritos profesionais. Forma parte do Instituto de Estudios Vigueses, é académico da Real Academia Galega, pertence ao Padroado da Fundación Otero Predrayo e forma parte da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Tamén é autor de moitas obras, algunhas delas de enorme importancia pola súa contribución á investigación histórica de Galicia, algunha delas vinculada coa historia da cidade de Vigo: “As primeiras boticas de Vigo e a arte do oficio”.
Nesta ocasión, a novela “Non é de Taramundi” relata os feitos acontecidos perante quince días no norte de Galicia, xusto na linde da provincia de Lugo co Principado de Asturias, onde está ubicada a poboación asturiana de Taramundi, que non chega aos mil habitantes e famosa pola súa artesanía.
A novela está escrita co primoroso estilo que caracteriza todas as de García Mañá, enganchando os lectores dende as primeiras páxinas cunha acción trepidante e intrigante.
Nesta novela a muller ten un papel relevante, cunha reivindicación de igualdade que choca co réxime político. Unha nova historia e un novo éxito, sen dúbida, de Luis García Mañá.