Este martes, 31 de maio, remata o prazo para a presentación de solicitudes á Oferta Pública de Emprego realizada pola Xunta de 15 prazas de médico na especialidade de Atención Primaria na área sanitaria de Vigo.
Esas prazas irán destinadas a incrementar o cadro de persoal de dez centros de saúde: tres en Moaña, tres en Ponteareas, dous no Rosal e as sete restantes para Valeixe-Crecente, A Guarda, Cangas, Coia, O Porriño, Redondela e Val Miñor.
Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia convértese na primeira comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos. Poden participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.
O salario medio previsto con dúas gardas mensuais e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá, tarde ou deslizantes (mañá ou tarde en días alternos) será de 65.000 euros ao ano.
Darase aos candidatos presentados unha puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados. Tal e como se recolle na convocatoria, na área sanitaria de Vigo os concellos con condición de illamento son: Arbo, Crecente, Covelo, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Oia.
Características
Entre as características das novas prazas é salientable o carácter mixto que posúen no referido á prestación de servizos, pois combinarán a atención sanitaria nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada (PAC).
As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deben cubrir unha única solicitude de participación, no modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional.
As persoas seleccionadas neste proceso, unha vez acrediten dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría, poderán participar, por promoción interna, nos procesos de selección fixa para o acceso ás categorías de persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.
Así mesmo, transcorrido un ano desde a toma de posesión poderán participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro do Servizo Galego de Saúde.