The Wild Fest aposta un ano máis por unha programación para todas as idades e amplía as actividades dirixidas a público familiar, que se desenvolverán durante o venres 8, sábado 9 e domingo 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Para promover a asistencia de público miúdo, a entrada será gratuíta ata os 14 anos.
Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar O país da choiva.
Ademais, ambas sesións vermú, a de A Roda, o sábado, e a de Blues do País e o Sindicato da Verbena, o domingo, están pensadas para ser desfrutadas por asistentes de todas as idades. O mesmo ocorre coas proxeccións de cinema mediambiental de The Wild Cinema e outras actividades como a andaina ou a orientación que procuran reunir a un público interxeneracional.
Pequerace
A carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race incorpora por primeiro ano unha modalidade infantil: a Pequerace, unha proba deportiva inspirada na de adultos e especialmente deseñada para cativos. Poderán participar nenos de entre 4 e 12 anos, que se realizará nun circuíto de 300 metros con 10 obstáculos. A inscrición pode realizarse nesta ligazón elixindo un tramo de idade: de 4 a 7 anos, que darán unha vola ao percorrido; ou de 8 a 12 anos, que darán dúas voltas.
Circo
Outra novidade desta cuarta edición é a actividade The Wild Circus na que os pequenos terán a oportunidade de amarrarse, trepar e colgarse das teas aéreas experimentando a impresionante sensación de estar a flotar.
Tania, de @aerialtry, será a experta responsable de impartir o obradoiro, o sábado de 15.00 a 18.00 horas. Tamén realizará unha demostración na tardiña do mesmo día, un espectáculo titulado ‘Maxia Celta’.
Escalada
Por segundo ano, Mapache Climbing, instalará un bulder no recinto do festival, unha parede con resaltos de cores e pouca altura na que a rapazada poderá aprender os movementos básicos da escalada. A actividade realizarase o sábado e o domingo entre as 15.00 e as 17.00 horas, aumentando así o horario respecto ao ano anterior dada a alta demanda que tivo a actividade, e estará impartido por Javier Rodríguez Fernández, membro do Club de Escalada dos Montañeiros Celtas.
Pintura
Tamén repite a experiencia Sara Iglesias, licenciada en belas artes que traslada o seu obradoiro ao entorno natural para que pequenos (e tamén maiores) aprendan novas técnicas artísticas coas que expresarse e expresar as súas curiosidades. Os obradoiros de pintura terán lugar sábado e domingo entre as 15 e as 18 h.
Entradas
As entradas están á venda a través da billeteira Vivetix con opción á compra por días ou abono completo. En todos os casos hai posibilidade de acampar por un pequeno suplemento. A entrada o domingo é gratuíta ata completar o aforo do recinto. Os nenos ata 14 anos non pagan entrada. A inscrición na Pequerace pode realizarse a través da plataforma CCNorte.