O Sergas vén de anunciar a licitación da obra da Unidade Funcional Multidisciplinar de Enfermidades Raras no hospital Álvaro Cunqueiro por 150.000 euros. Con esta nova estrutura, a unidade, que xa comezou a funcionar en febreiro de 2022, disporá dun espazo físico propio. Este dispositivo sanitario, que coordina o diagnóstico e seguimento dos pacientes con estas patoloxías, enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega en Enfermidades Raras, que ten por obxecto unha abordaxe integral destas patoloxías na comunidade galega.
A nova dotación do Cunqueiro estará emprazada nas Consultas Externas do hospital, no andar -1, e disporá de tres consultas, unha sala multifuncional e unha sala de espera para pacientes e os seus acompañantes. Será atendida por un equipo de profesionais composto por un especialista de medicina interna, unha pediatra e unha enfermeira.
No novo dispositivo sanitario vaise prestar unha atención integral a estes pacientes, xa que ademais da propia actividade asistencial en consulta, realizarase outro tipo de funcións como a elaboración da súa árbore xenealóxica e a relación de posibles familiares afectados, así como a coordinación da atención por parte doutros servizos hospitalarios. Se prevé atender anualmente a 120 pacientes entre poboación adulta e infantil.
A Unión Europea define como enfermidade rara (ER), minoritaria ou pouco frecuente aquela que, con perigo de morte ou invalidez crónica, ten unha prevaleza menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes.
Desde a perspectiva médica, as ER caracterízanse polo gran número e ampla diversidade de desordes e síntomas que varían non só dunhas enfermidades a outras, senón tamén dentro da mesma patoloxía. Estímase que existen entre 6.000 e 8.000 enfermidades raras diferentes que afectan entre un 5% e un 7% da poboación.
Outros investimentos
A esta licitación hai que engadirlle as anunciadas no pasado mes de maio, da obra da nova Unidade de Necropsias, por 300.000 euros, e o proxecto da reforma de Hospitalización a Domicilio, cun investimento global de 500.00 euros.
O obxectivo destas actuacións é dotar ao Cunqueiro de novos espazos e equipamento, xa que o Executivo galego considera que, unha vez consolidado este hospital, é o momento de afrontar actuacións para reforzar a súa funcionalidade.
Así, ao final executaranse obras que mellorarán as áreas de Hospitalización a Domicilio, Anatomía Patolóxica, Saúde Mental, Cardioloxía e as Enfermidades Raras.