A música en galego tomará esta fin de semana TerraCeo, o festival impulsado polo Auditorio Mar de Vigo, que este ano celebrará a súa terceira edición. Este venres ás 21.00 horas será a quenda de Xisco Feijoó en TerraCeo, presentando o seu novo disco ‘Peixe’, no que propón unha revisión da música tradicional filtrada desde unha ollada contemporánea.
O artista estará arroupado por unha gran banda en directo e, segundo avanza a organización, haberá algunha que outra sorpresa
Feijoó é un gran estudoso da tradición oral galega, base da que parten as súas composicións. O seu traballo de máis de tres décadas no ámbito da recuperación etnográfica, converteuno nunha figura de referencia na música tradicional, colaborando con artistas como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junkera, e nos últimos tempos tamén con Tanxugueiras, coas que actuou nalgún espectáculo e no de videoclip ‘‘Midas’.
O concerto de A banda da Loba e Fillas de Cassandra previsto para este sábado aprázase ao 7 de agosto por motivos alleos á organización. Os espectadores poden ter a opción de asistir esa nova cita, coa mesma entrada, ou solicitar a devolución do importe escribindo á billeteira. Con todo, ese día poderemos gozar das cancións reivindicativas de A Banda da Loba, grupo composto por cinco mulleres que tamén beben dos ritmos tradicionais, nunha exitosa fórmula na que misturan pop, rock e folk. A banda tomou o nome de Pepa a Loba, a histórica bandoleira galega, documentada no século XIX, nunha clara intención de visibilizar o empoderamento das mulleres.
Despois do éxito de ‘Bailando as rúas’, disco co que foron finalistas dos Premios Martín Códax da Música e dos Premios Narf, da Deputación de A Coruña, A Banda da Loba presentarán en TerraCeo o seu novo disco ‘Xabón Lagarta’. Neste novo traballo adéntranse no universo das lavandeiras, mulleres que lavaban en ríos e lavadoiros xenerando un espazo de confidencias, idea da que parten varias das súas letras. A actuación será o 7 de agosto, coa presentación en TerraCeo tamén da banda local Fillas de Cassandra.
Con estas actuacións, o Festival TerraCeo continúa coas liñas marcadas para esta edición, de incorporar máis música en galego e máis bandas locais, ademais da internacionalización con artistas como Lila Downs ou Salvador Sobral, que actuarán nas vindeiras semanas e cuxas entradas están a piques de esgotarse. Todas as datas dos espectáculos poden consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billetera TeuTicket.
Datas Festival Terraceo
- Xuño:
- 3 de xuño – Xisco Feijoó
- 18 de xuño – Ángel Stanich + MaríaSOA
- Xullo:
- 1 de xullo – Soleá Morente + dani
- 2 de xullo – Berto + Familia Caamagno
- 8 de xullo – La Zowi
- 9 de xullo – Lila Downs + Sés (trío)
- 30 de xullo – Ortiga + Grande Amore
- Agosto:
- 7 de agosto – A banda da loba + Fillas de Cassandra
- 19 de agosto – Salvador Sobral + Abe Rábade
- 27 de agosto – Delafé y las flores azules – Única data en Galicia