Representantes de diversos departamentos do grupo automobilístico internacional Stellantis visitaron o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) nun encontro que buscaba identificar futuras oportunidades de colaboración, estreitar relacións e comprobar de primeira man o potencial do equipo humano dos diferentes grupos que integran o centro, así como de coñecer os espazos dedicados á investigación,.
Os representantes dos departamentos de ferraxe, enxeñaría de procesos, automatización de fluxos, montaxe e pintura, innovación e investigación do Grupo Stellantis, reuníronse e visitaron o centro acompañados pola súa directora, Concepción Paz; o subdirector, Félix Quintero e o director de Transferencia, Eduardo Súarez, así como polo director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva.
Durante a súa visita e divididos en dous grupos, os representantes da agrupación automobilística visitaron a nave na que se atopa o taller do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), así como os espazos nos que desenvolve a súa actividade o Grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (BIOSUV), onde puideron coñecer o traballo que desenvolven na actualidade, así como proxectos e liñas de investigación dos grupos de Cintecx.
Segundo a directora do Centro, Concepción Paz, “estas iniciativas contribúen, por unha banda, a mellorar o posicionamento da imaxe de marca de Cintecx naquelas áreas con potencial interese para os seus labores de investigación, como tamén na creación e consolidación de redes de contactos con axentes empresariais interesantes para actividades de colaboración futuras”.