No día no que coñecerán as cualificacións que acadaron nos exames da ABAU (Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade) medio cento de mozas e mozos participaron este xoves no campus de Vigo nunha Xornada de Portas Abertas na que tiveron a oportunidade de achegarse en primeira persoa ás infraestruturas e á oferta académica da Universidade de Vigo. Acompañados na maior parte dos casos polos seus proxenitores, tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto as diferentes posibilidades que lles ofrecen as aulas da UVigo e que pasos deben seguir en caso de elixir algunha das súas titulacións.
A xornada arrancou cunha charla xeral na sala 1 do edificio Miralles, na que Ricardo Corderí, xefe do Servizo de Extensión Universitaria, lles explicou todo o que deben saber sobre o proceso de preinscrición, matrícula e oferta formativa da UVigo, facendo especial fincapé nos graos novos que estreará a Universidade o curso que vén, ambos en Ourense: Intelixencia Artificial, na Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Relacións Internacionais, na Facultade de Dereito. Acompañaron a Corderí a profesora Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado, e a técnica Ana Caamaño, que lles explicaron as ideas básicas sobre o funcionamento da web da UVigo en todos aqueles aspectos que máis lle poden interesar (consulta dos diferentes graos, materias de cada un deles, prezos e prazos de matrícula…).
“O maior consello que vos podemos dar é que cando fagades a preinscrición elixades de corazón esas cinco titulacións que ides cubrir no formulario”, salientoulles Rodríguez Barcia, facéndolles fincapé en que a elección da titulación que van cursar debe ser unha decisión que tomen de maneira independente, “informándovos ben, vendo as diferentes opcións, pero seguindo o voso propio criterio”.
Tras a charla xeral dividíronse en tres grupos, segundo o ámbito de coñecemento no que cada moza ou mozo estivese interesado. Algúns coas ideas xa moi claras, outros dubidando entre unha ou outra titulación, e outros moi pendentes das cualificacións que obteñan nas ABAU. Arredor da metade optaron polo eido da enxeñaría e desprazáronse ata as escolas de Enxeñería Industrial, Enxeñaría de Minas e da Enerxía e Enxeñaría de Telecomunicación. Entre o alumnado que elixiu esta opción, maioría de mozos, pero tamén algunha moza decidida a estudar enxeñaría. “No meu caso téñoo claro, quero matricularme no Grao en Enxeñaría de Organización Industrial”, explicaba nada máis saír do edificio Miralles unha das asistentes, Carla, ao que engadiu que “teño varios amigos que estudan esta titulación e son consciente de que a presenza feminina neste tipo de titulacións aínda non é moi grande, pero isto non é algo que me tire para atrás, nin moito menos”.
Unha ducia de estudantes decidíronse por visitar as tres facultades do ámbito científico: Bioloxía, Ciencias do Mar e Química. No grupo, ademais do alumnado que ten que elixir xa a titulación na que matricularse, había tamén varias mozas e mozos de primeiro de bacharelato que queren ir coñecendo xa a oferta formativa das diferentes universidades. “No meu caso a priori gustaríame estudar Matemáticas en Santiago de Compostela, pero non é algo que teña totalmente decidido, quero coñecer outras opcións”, salientou Clara, outra das participantes.
A Nicolás gustaríalle estudar Administración e Dirección de Empresas, teno claro desde que estudaba Educación Secundaria Obrigatoria. É un dos mozos que se decantou por achegarse ao ámbito de Ciencias Xurídicas e Sociais, que incluía visita as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo e que, finalmente, incluíu tamén a Facultade de Filoloxía e Tradución, correspondente ao ámbito das humanidades.