A música da Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, encheu este domingo o Auditorio Municipal, para festexar o Día Europeo da Música, –que oficialmente é o 21 de xuño–, cun concerto que contou coa colaboración do Concello de Vigo
A Orquestra bautizou este concerto como «B&B» xa que o mundo da música está cheo de grandes Bes. Deste xeito, comenzou no Barroco coa Orquestra Infantil e a música de Bach e culminou coa Orquestra Xuvenil interpretando o Concerto Grosso ao estilo Vivaldi baseado na música dos Beatles e composto polo eslovaco Peter Breiner.
A Orquestra Infantil, baixo a dirección de Raquel Fernández, abriu o concerto, –que contou coa presenza do concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Abel Losada–, cun repertorio ameno e divertido enfocado sobre todo aos máis cativos. Neste senso, destacar a alta presenza de público infantil e de familias que encheron o Auditorio, un dos obxetivos da Orquestra Kv2211.
A continuación actuou a Orquestra Xuvenil, dirixida por José M. Fernández, con obras de Tchaikovsky, Dragonetti e Grieg, entre outros. A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 constituíuse no ano 2017 e actualmente está formada por 60 músicos de corda, percusión e piano de Vigo, Tui, Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Santiago de Compostela, Mos e Ourense.
Música polas parroquias
Este concerto polo Día Europeo da Música da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211, forma parte da programación musical da Orquestra que conta coa colaboración do Concello de Vigo e que comenzou en 2022 cun Concerto de Aninovo, celebrado no Auditorio do Centro Cultural de Beade.
O próximo concerto terá lugar tras o verán nunha parroquia de Vigo ainda por determinar e dentro do ciclo «Música polas parroquias» da Orquestra Kv2211 co que se pretende achega-la música clásica a tódalas zonas de Vigo e especialmente a familias e nenos.
A Orquestra mantén aberta a incorporación de novos membros –instrumentistas de corda de entre 8 e 22 anos de idade– para comenzar no mes de setembro. Tódolos interesados en formar parte da Orquestra poden remitir un mail a orquestrakv2211@gmail.com.