Desde a metodoloxía máis fundamental ata as aplicacións máis novidosas da química computacional abordarán, desde hoxe e ata o vindeiro día 24 nas súas poñencias e exposicións, os preto de 250 investigadores e investigadoras internacionais que asisten en Vigo á 12ª edición do Congress on Electronic Structure Principles and Applications (ESPA- 2022). Organizado pola Comunidad Española de Químicos Cuánticos, o congreso, o máis importante dentro da comunidade de químico físicos teóricos españois, é un foro de encontro dos e das químicas cuánticas e computacionais, que se celebra en España desde o ano 1998, no que, aínda que nos seus inicios a maior parte dos participantes eran nacionais, a porcentaxe de investigadores estranxeiros acadou o 50% na edición celebrada en 2018.
Os nove poñentes plenarios, 18 invitados e outros tantos seleccionados para ofrecer charlas orais curtas, abordarán durante catro días nas sesións que se celebran na sede Afundación de Vigo temáticas moi variadas como “a dinámica molecular, métodos de estrutura electrónica para correlación electrónica, modelaxe multiescala, modelos de estrutura electrónica a gran escala para materiais, topoloxía do enlace químico, interaccións non covalentes, propiedades ópticas e eléctricas, espectroscopía atómica e molecular, machine learning, biofísica computacional e fisicoquímica orgánica e catálise”, detallou esta mañá na inauguración do simposio Ángeles Peña Gallego, decana da Facultade de Química da UVigo e presidenta do comité organizador, cargo que comparte co tamén docente e investigador do Departamento de Química Física, Marcos Mandado Alonso.
170 comunicacións en formato póster se presentarán no transcurso do congreso, que foi inaugurado pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, que agradeceu a presenza das persoas participantes no congreso, no que sinalou que se abordarán cuestións con aplicacións na sociedade, ao tempo que animou aos asistentes disfrutar de Vigo e a descubrir á UVigo. Pola súa banda, Ángeles Peña agradeceu en nome do comité organizador a elevada participación acadada nesta edición do congreso, que por mor da covid, sufriu dous atrasos en 2020 e 2021, “tanto de investigadores sénior como novos, que puxéronnos complicado elixir as exposicións orais pola cantidade e calidade das propostas recibidas”, sinalou a decana da Facultade de Química da UVigo. Coincidindo ademais coa celebración do ESPA-2022 tamén ten lugar estes días a 2ª edición da Reunión Bianual del Grupo de Química e Informática da Real Sociedad Española de Química.
Destacada impronta internacional
Logo de celebrarse, entre outras cidades, en Madrid, San Sebastián, Sevilla, Valladolid, Santiago de Compostela, Barcelona e Palma de Mallorca, o congreso recala na súa 12ª edición en Vigo, onde, a organización destaca os tres plenarios de institucións de USA, un de Australia e outros cinco europeos. Un deles é o actual presidente da World Association of Theoretical and Computational Chemist (Watoc), Peter Gill, e outra a editora xefa da revista máis prestixiosa en Química Teórica e Computacional (Journal of Chemical Theory and Computation), Laura Gagliardi.
O congreso é ademais para o comité organizador unha grande oportunidade de estreitar lazos co resto de grupos de investigación de España, así como de establecer novos contactos e colaboracións con grupos estranxeiros de recoñecido prestixio.
Proxección da Química Teórica e Computacional
A Comunidad Española de Químicos Cuánticos, encargada de organizar o Congreso que hoxe comeza, é unha entidade que ten o obxectivo principal de formar novas e novos investigadores no campo da Química Teórica e a Modelización Computacional, “un ámbito descoñecido para unha gran parte do alumnado ao finalizar o Grao en Química ou titulacións afíns, e moitas veces visto como complicado, debido á alta carga de contidos das áreas de Matemáticas e Física”, explica Marcos Mandado, que lembra que por esta razón se creou hai 22 anos o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional, no que participan case todas as universidades de España nas que existen grupos de investigación neste campo.
Ademais do mestrado, a UVigo oferta o programa de doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional, “tamén cun alto carácter interuniversitario, onde recalan a maior parte do noso alumnado e participan os nosos docentes e investigadores”, sinala Mandado.