Xerar unha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político é o obxectivo central do proxecto DEBATrue, que baixo a coordinación do grupo de investigación CP2 reúne no seu equipo de traballo especialistas en comunicación, desenvolvemento de aplicacións informáticas, minería de datos, modelos de confianza e reputación ou ciberseguridade de seis universidades. Gran parte deles reuníronse este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nunha xornada técnica dirixida a pór en común os avances na creación dunha plataforma de fact-checking que combinará un proceso de comprobación automática de parte da información coa incorporación da tecnoloxía blockchain no traballo das e os verificadores. Ademais de para a posta en común destes avances, esta xornada tiña tamén por obxecto coñecer o funcionamento doutras iniciativas de verificación, grazas á participación do responsables de Innovación da axencia Efe, Javier Marín, e de TVE, David Corral.
Seleccionado na convocatoria Prueba de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado polos investigadores do grupo CP2 Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto, deste proxecto forman parte tamén os investigadores da Universidade de Vigo Manuel Pérez Cota e Andrés Mazaira, responsables nesta xornada de presentar os traballos que se están levando a cabo tanto para o propio desenvolvemento técnico da plataforma como para incorporación da tecnoloxía blockchain, que permitirá garantir “que o proceso de verificación é inalterable e inmutable”, como salienta Mazaira.
Coa participación dos tamén investigadores da UVigo Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla, o equipo de traballo de DEBATrue complétase cos docentes da Universidade da Coruña Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage; así como os investigadores Francisco Javier Paniauga, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada, e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.
Dando continuidade ao proxecto de investigación sobre debates electorais televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu tamén co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, un dos obxectivos de DEBATrue é contribuír á identificación de datos inexactos ou falsos nos debates electorais. Mais, así mesmo, os seus responsables buscan que a plataforma poida contribuír á identificación de informacións falsas noutros ámbitos. Nese senso, Mazaira sinala que o obxectivo é que a plataforma poida operar con “diferentes fontes”, desde as declaracións en debates electorais ou en medios de comunicación, ás recollidas nos diarios de sesións do Congreso ou dos parlamentos autonómicos. “Trátase dun ámbito no que unha parte do equipo xa ten traballado dunha forma máis manual, o de coñecer en que medida no debate político se utilizan datos e en que medida eses datos son veraces”, explica o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que incide en que outro dos propósitos do equipo é que a plataforma “poida chegar a utilizarse máis aló do debate político, para a verificación doutro tipo de informacións”.
Por outra banda, un dos principais retos dun proxecto que concluirá en 2023 é o de xerar unha “plataforma semiautomática”, como explica Rúas, de tal xeito que unha parte das afirmacións realizadas polos políticos e políticas poidan ser contrastadas de forma automática, a través de técnicas de machine learning. Non obstante, como apunta Mazaira, o grao de automatización depende en gran medida “do tipo de información” ao que sexa preciso acceder para corroborar a veracidade das afirmacións. Para que esta poida levarse de xeito automatizado é preciso, explica, que poidan comprobarse en fontes oficiais que conten con interfaces de programación de aplicacións (APIs), das que xa dispoñen, por exemplo, organismos como o Instituto Nacional de Estadística (INE) ou o Instituto Galego de Estatística (IGE).
“Imos utilizar diferentes recursos dixitais interconectados entre eles para verificar a información”, explicou neste encontro o catedrático Manuel Pérez Cota, responsable de presentar os traballos que se están a levar a cabo para a posta en funcionamento dunha plataforma que, lembrou, implicará “manexar unha cantidade de datos enorme”.
Un “modelo de negocio diferente”
Naqueles casos nos que non sexa posible contrastar os datos de forma automática, a súa comprobación pasaría a depender da “comunidade de verificadores” que, como apunta Rúas, proxéctase crear ao abeiro deste proxecto. Con esa idea, “un dos elementos nucleares” da futura plataforma “é a incorporación da tecnoloxía blockchain na súa realización, que permite garantir que o proceso de verificación é inmutable e que se poida trazar toda a cadea de verificacións”, explicou Mazaira. O uso desta tecnoloxía, salientou, fará posible “unha gobernanza descentralizada da plataforma”, á vez que o desenvolvemento dun “modelo de negocio diferente”, baseado nunha “economía dos tokens”, de tal xeito que ademais da identificación do verificador, esta tecnoloxía permitirá tamén que estes “obteñan tamén un recoñecemento e uns beneficios polo seu traballo”.
Coñecer outras plataformas
Co obxectivo de “coñecer como xestionan as súas ferramentas desde o punto de vista técnico”, á xuntanza do grupo de traballo viuse completada coas presentacións de Javier Marín e David Corral, que presentaron aos investigadores as iniciativas Efe Verifica e VerificaRTVE. Neste punto, Rúas pon de relevo interese que ten para o proxecto coñecer iniciativas impulsadas neste ámbito por medios de carácter público, xa que, lembrou, o propósito de DEBATrue é impulsar unha plataforma de acceso libre e gratuíto, que poida dar lugar á súa vez á creación dunha spin off.
O proxecto conta tamén coa participación dos tamén investigadores da UVigo Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla, o equipo de traballo de DEBATrue complétase cos docentes da Universidade da Coruña Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage; así como os investigadores Francisco Javier Paniauga, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada, e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.
Tras estes encontros, esta xornada completarase, de xeito virtual, o vindeiro martes 5 de xullo, cun encontro co xerente técnico de sistemas de Maldita.es, David Fernández.