O grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos contará na UVigo, a partir do vindeiro curso 2022-23, cunha quenda de tarde co obxectivo de facilitar ao alumnado que traballe pola mañá compatibilizar os seus estudos. Segundo Infoempleo e Adecco, é a quinta carreira universitaria con máis saídas laborais (datos de 2020). Estudar este grao prepara ao alumnado no ámbito da dirección de recursos humanos e no coñecemento práctico da xestión e dirección de empresas no seu conxunto. Ademais, proporciona habilidades para enfrontarse aos actuais escenarios dixitais con aplicación a novas técnicas como HR Analytics e Big Data.
Segundo Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas, “a titulación é eminentemente práctica e proporciona aos estudantes as ferramentas necesarias para enfrontar o día a día do traballo nunha empresa con sólidos coñecementos xurídicos, laborais, económicos e fiscais”. “Convértense en expertos en emprego -continúa Torres- podendo ser chave en procesos de selección de persoal, prevención de riscos laborais, igualdade no traballo e mediación entre empresarios e traballadores. De feito, os titulados neste grao poden representar e defender a traballadores ante a administración e nos xulgados do social españois”.
“Son moitos os universitarios galegos que estudan a tempo parcial para poder compaxinar os seus estudos co traballo. Por iso, neste curso, vimos de abrir 25 prazas en horario de tarde, entendendo que é unha solución ideal para eles”, matiza o decano de Ciencias Xurídicas, Francisco Torres.
Pór en marcha unha consultoría en materia sociolaboral, con programas de responsabilidade social corporativa, dirixindo plans de igualdade nas empresas ou balances sociolaborais son outras das saídas xunto coa da docencia en diversos niveis educativos. Un graduado en Relacións Laborais tamén pode optar a dirixir a súa carreira profesional cara á selección de persoal ou pode especializarse en saúde laboral e prevención de riscos laborais.
O grao de Relacións Laborais da UVigo oferta prácticas externas curriculares durante o segundo cuadrimestre de cuarto de carreira. Son un total de 140 horas de prácticas. Entre o profesorado atópanse tamén moitos profesionais en activo coa fin de proporcionar ao alumnado unha visión actual e próxima á realidade.
Dereito, único grao en Galicia con materias económicas
A Facultade de Ciencias Xurídicas da Universidade de Vigo ofrece, tamén, o grao de Dereito, o único en Galicia que inclúe materias de corte económico e empresarial. “Esta singularidade do noso grao é moi interesante, por exemplo, para os estudantes que queiran presentarse a certas oposicións que requiren destes coñecementos ou para os que desexen ser asesores xurídicos dunha empresa, xa que as compañías valoran moito esta formación durante a carreira”, aclara o decano de Ciencias Xurídicas da UVigo.
Tamén solo en Vigo, o alumnado pode conseguir, segundo as optativas que curse en 4º de carreira, dúas mencións: Dereito Público de Empresa ou Dereito Privado de Empresa. Tamén en 4º, os estudantes realizan prácticas optativas en empresas e despachos xurídicos da área.
ADE-Dereito é o terceiro grao que se pode cursar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo. Permite obter en cinco anos dous títulos e formarse nun perfil profesional moi demandado no mercado laboral actual.