O equipo directivo da Universidade de Vigo, tras a recente revalidación do proxecto do reitor Manuel Reigosa, estivo este martes na Deputación de Pontevedra para agradecer á presidenta, Carmela Silva, “a axuda e o traballo conxunto destes anos” e para presentar “máis cousas para a etapa que comezamos”.
Reigosa, que chegou acompañado das vicerreitoras Natalia Caparrini (Estudantado e Empregabilidade), Belén Rubio (Investigación, Transferencia e Información) e da nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, nun equipo con maioría de mulleres, amosouse moi satisfeito dunha colaboración, que concretouse en acertos tan destacados como a Cátedra de Feminismos 4.0 “contra os redutos dixitais do machismo”. Na xuntanza participou tamén o deputado Carlos Font.
Silva valorou os froitos do pioneiro protocolo de colaboración asinado en decembro de 2015 entre a Deputación e a Uvigo e deu instrucións para iniciar os contactos para a preparación dun novo pacto que faga posible seguir “unindo forzas entre unha administración que ten un modelo moi claro para transformar a provincia e unha universidade comprometida, que achega coñecemento”. O novo protocolo pivotará ao redor de tres eixes fundamentais: explorar a captación de máis fondos europeos, continuar avanzando cara a igualdade real na sociedade e reforzar a colaboración público-privada, para que as transformacións sociais cheguen non só ás administracións, senón tamén ás empresas. Obxectivos ambiciosos que serán monitorizados por grupos de traballo específicos.
A presidenta subliñou o carácter pioneiro daquel acordo institucional de 2015, pois contemplaba o impulso do Campus Crea S2i (dedicado á innovación social e sustentable) en Pontevedra e o Vigo Tecnolóxico, a través de plans estratéxicos e proxectos singulares. Apostaba, ademais, moito antes da aparición dos actuais fondos europeos Next Generation, por explorar vías para “captar recursos internacionais, especialmente da Unión Europea, que permitan desenvolver proxectos de interese para a provincia”. E incluía xa a materialización de programas a prol do emprego e o emprendemento xuvenil.
Carmela Silva e Manuel Reigosa botaron a vista atrás e coincidiron no impacto singular acadado por un programa como a Cátedra de Feminismos 4.0, “exemplo de orixinalidade e de novidosa alerta sobre os novos machismos, aloxados no mundo dixital e nas redes sociais”. A presidenta mesmo apostou por divulgar os fitos deste programa tanto en Galicia como no resto de España “porque copiar o bo é intelixente”. Aplaudiu, neste senso, a “aposta moi visible pola igualdade” da Uvigo e definiuna como unha institución galega, internacional e igualitaria. Expresou o seu cariño pola figura do reitor Reigosa “e a súa maneira de estar” e a admiración pola dirección que tomou “esta Universidade, cun discurso humano, nada tecnócrata”.
Efectos perdurables
A presidenta da Deputación abordou polo miúdo a estratexia que debe guiar a solicitude de fondos europeos. Así insistiu na necesidade de que cheguen á provincia en liña co modelo de desenvolvemento que apoia a Deputación e de que non se repitan “erros do pasado, pedindo por pedir, como cando se gastaron 30 millóns nunhas Pousadas no Salnés que esta provincia non necesitaba”. “Temos claro que queremos impulsar o coñecemento e a innovación, a transformación baseada no medio ambiente, a mobilidade amable e segura, a sustentabilidade turística ao redor de hábitos saudables e dos espazos naturais, a atracción de eventos culturais e deportivos e, dende logo, a igualdade”. Destacou, ademais, a necesidade de aproveitar os fondos UE para pechar a “brecha dixital” acabando con “cousas tan intolerables como que haxa xente “non tan maior” que non poida pedir unha cita telemática ou un certificado”.
Na súa análise, Carmela Silva, reclamou sumar esforzos para que os fondos europeos materialicen equipamentos e infraestruturas que capilaricen o territorio e contribúan á loita contra o despoboamento. Finalmente, apostou por aproveitar esta oportunidade para singularizar ao sector primario da nosa provincia. “As solicitudes que presentamos dende a Deputación van por aí, porque queremos que os cartos de Europa deixen efectos perdurables, que cambien as cousas e que vaian máis alá do día en que se xustifica o gasto”.
Manuel Reigosa recalcou que “o mundo mudou nos últimos 10 anos e queda moito por facer”. Aplaudiu a colaboración público-privada como “unha fórmula de éxito”, polo que ofreceu o apoio da Universidade diante de calquera iniciativa da Deputación para reforzala. Nesta liña presentouse como “cidadán europeo orgulloso de que Europa apunte na dirección correcta con iniciativas en materia de dixitalización, igualdade e medio ambiente”. “É imprescindible aproveitar este vento de cola”, apuntou.
O reitor asegurou que a visita institucional á Deputación, ao comezo deste seu segundo mandato, era “obrigada” tratándose dunha institución provincial que prestou moita axuda á Universidade. “Agora queremos expresar os nosos anhelos e presentar cousas novas que pretendemos empurrar”, concluíu.