Estudante do grao bilingüe de Tecnoloxías Industriais na Escola de Enxeñería Industrial, Antonio Ramos (A Coruña, 2000) leva anos participando en diferentes órganos de representación universitaria (Claustro, Consello de Goberno, Consello Social…). É delegado de estudantes da escola e membro da comisión de avaliación docente Docentia da UVigo. Con toda esta experiencia ás súas costas, Ramos acaba de ser seleccionado como membro do grupo de expertos en garantía da calidade da European Studens Union, ESU, asociación que representa a máis de 20 millóns de estudantes distribuídos en 39 países. Convértese así no primeiro estudante galego en pertencer a este selecto grupo, cargo que ostentará ata xuño de 2023.
O Grupo de Expertos en Garantía da Calidade da ESU está formado por preto de 50 estudantes de distintas nacionalidades e o seu principal obxectivo é promover a participación dos estudantes nos sistemas de garantía de calidade, contribuír á mellora da oferta de educación do Espazo Europeo de Educación Superior e tomar un papel de liderado no desenvolvemento de políticas europeas. “Cando me comunicaron a nova de que que era unha das persoas seleccionadas levei unha grande alegría”, salienta o alumno, quen fai fincapé en que supón un “recoñecemento” aos seus anos como representante de estudantes na Universidade e unha “importante oportunidade” que o axudará a medrar como persoa e, tamén, a nivel profesional.
Como membro do panel participará en procesos de garantía da calidade de institucións situadas en Europa e no oeste de Asia, en especial as adscritas ao Programa de Avaliación Institucional da Asociación de Universidades Europeas (EUA). Estas universidades, ás que recentemente se uniu a UVigo coa adhesión a Athena, son alianzas transnacionais chamadas a converterse nas universidades do futuro, a fomentar os valores e a identidade europea e a revolucionar a calidade e a competitividade da educación superior. Outra das súas funcións será a de realizar revisións de axencias de garantía de calidade para determinar a afiliación na Asociación Europea de Garantía de Calidade (ENQA) ou inclusión no Rexistro europeo de Garantía de Calidade da Educación Superior (EQAR).
“Esta oportunidade permitirame desprazarme durante o próximo curso a distintas localizacións do continente europeo co fin de ofrecer feedback a institucións de educación superior de toda Europa para contribuír na súa mellora”, salienta Ramos. Nos próximos meses está previsto que parte do equipo se desprace a países como Eslovenia, Lituania, Finlandia, Países Baixos, Xordania ou Líbano.
Centenares de universitarios de toda Europa presentaron a súa candidatura para formar parte deste panel. Para a elección dos membros tívose en conta a traxectoria dos distintos estudantes candidatos, en especial, a referente á participación en órganos de representación e procesos de garantía da calidade no ámbito universitario.
Á hora da presentación da candidatura, Ramos contou co apoio da Área de Calidade da Universidade de Vigo e da CREUP (Coordinadora de representantes de estudantes das universidades públicas españolas). “Un coñecido comentoume a posibilidade de presentarme, xa que consideraba que me axustaba ao perfil que buscaban”, explica o alumno, quen admite que se animou a dar o paso grazas á Área de Calidade, á CREUP e aos seus compañeiros, que o animaron a facelo. “Sempre estiven moi implicado na mellora da universidade e da educación superior e tamén me interesaron sempre as contornas de traballo Internacionais, polo que esta oportunidade permitirame avanzar neses dous aspectos, ademais de poder compatibilizalo co meu último ano de estudos de grao”, recalca Ramos.
Como membro do panel, Ramos salienta que, xunto ao resto de integrantes, se enfronta a varios retos importantes. O primeiro pasa por involucrar máis aos estudantes nos procesos de garantía de calidade. “É necesario facer atractivos estes procesos á vez que se potencia a participación dos estudantes nas universidades. Aínda que en España é unha práctica estendida, en Europa tan só un 60% das institucións de educación superior involucran a estudantes en procesos como a confección das memorias das titulacións”, explica o alumno da EEI, ao que engade que “existen diferentes estudos que relacionan directamente esa participación coa mellora dos resultados de aprendizaxe en ditas titulacións”.
A maiores, sitúa tamén como un «gran reto» perfeccionar a forma de avaliar as alianzas de universidades europeas, xa que, desde o seu punto de vista, require fixar unha serie de estándares distintos aos das avaliacións convencionais. “Hai moitas preguntas enriba da mesa: Debe avaliarse individualmente cada membro da alianza ou é suficiente unha avaliación conxunta das agrupacións? Que organización as pode acreditar? Quen fixa os criterios? Que consecuencias teñen estas avaliacións?