Dous axentes da Policía Local do Porriño salvaron a vida dun varón de 80 anos, veciño do Porriño, que entrou en parada cardiorrespiratoria na tarde deste martes.
Aconteceu na céntrica rúa Ramirás, cando o home circulaba no seu vehículo. Foi unha viandante a que alertou á Policía ao ver a unha persoa inconsciente no interior dun coche parado no medio da calzada.
A patrulla, equipada cun equipo DESA (desfibrilador externo semiautomático), desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban a prestar atención ao home. Ao chegar puideron comprobar que non respondía aos estímulos polo que procederon a realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe os axentes para agradecer o seu bo facer e o esencial labor que desempeñan. Un agradecemento que estes recibiron e quixeron facer extensivo aos cidadáns que colaboraron a atender a esta persoa.