A directora da Telefónica de España en Galicia, Paula Beirán, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este mediodía a renovación do contrato da Cátedra Telefónica, constituída na institución académica viguesa hai nove anos co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación para a mellora da sociedade.
Ao abeiro da cátedra ao longo destes anos desenvolvéronse obradoiros, conferencias para o alumnado, ademais de participar, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, no congreso Smart Cities and Communities e no encontro Hack fo good.
Coa renovación deste acordo, materializado este mediodía nun acto no que tamén participou o catedrático da UVigo e responsable da Cátedra Telefónica, José Cidrás, a UVigo confirma a súa continuidade na rede de 24 cátedras que Telefónica ten en 26 universidades españolas e na que cada unha mantén a súa especialización, co obxectivo común de que se constitúa como una sorte de Think tank de referencia no estudo do impacto das tecnoloxías de telecomunicación na sociedade, ademais de divulgar e comunicar os resultados máis relevantes.
A directora de Telefónica España en Galicia destacou no acto de renovación a satisfacción da compañía pola colaboración coa Universidade de Vigo a través desta cátedra, así como a súa vontade de continuar a liña de traballo desenvolvida durante estes anos.
Hai dous meses os estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Santiago Janeiro e Guillermo Fernández gañaron o LEDU Stem Cátedras Telefónica, un torneo para estudantes STEM, promovido por Telefónica e a Liga Española de Debate Universitario (LEDU) co obxectivo de fomentar as habilidades transversais nos futuros líderes dixitais. Así mesmo, Santiago Janeiro foi elixido mellor orador deste ano. Ambos alumnos tamén participaron na DigitalES Summit 2022.