Dende o nivel de iniciación ata o avanzado, pasando pola lingua administrativa ou a corrección de erros, o catálogo de cursos de galego que organiza a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo trata de dar resposta ás necesidades de toda a comunidade universitaria.
Para este primeiro cuadrimestre son un total de seis cursos con diferentes temáticas abertos tanto ao persoal docente e investigador, como ao persoal de administración e servizos e o estudantado. A oferta inclúe un curso de iniciación á lingua galega para o alumnado estranxeiro, outro de nivel avanzado para perfeccionar o dominio da lingua, outro para mellorar a calidade lingüística nos TFG ou TFM, un sobre corrección da escrita coas TIC, outro de linguaxe administrativa e xurídica e un sexto que xirará arredor dos erros máis frecuentes na lingua galega. O prazo de matrícula para todos eles remata o 23 de setembro.
Curso de iniciación á lingua galega
O curso de iniciación á lingua galega, de 40 horas de duración, está destinado aos estudantes de programa de intercambio que desexen mergullarse nunha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego. A docencia desenvolverase, en modalidade virtual síncrona, entre o 4 de outubro ao 24 de novembro, cunha proba final en liña o 29 de novembro. Entre outros contidos coñecerán xeitos de saudar e presentarse, conceptos e expresións sobre hábitos e oficios, costumes culinarios, etc. así como nocións sobre léxico, tempos verbais, gramática…
Avanza co galego
Ademais do curso de introdución, tamén se impartirá un curso avanzado, pensado para os membros da comunidade universitaria que xa posúan un nivel medio ou medio-alto de galego e queiran mellorar a calidade lingüística e aumentar a súa competencia comunicativa en lingua galega. Con 40 horas de duración, desenvolverase en modalidade virtual asíncrona entre os días 3 de outubro e 11 de novembro, cunha proba final en liña o 15 de novembro. A finalidade deste curso é ampliar o coñecemento da lingua galega nun sentido integral para empregalo na práctica comunicativa de maneira eficaz; depurar os erros lingüísticos máis frecuentes; empregar diferentes recursos lingüísticos que permitan unha mellora da práctica comunicativa e adquirir unha competencia comunicativa en lingua galega de maior calidade.
A calidade lingüística no teu TFG ou TFM
Un dos cursos que se convocan para este primeiro cuadrimestre ten uns contidos moi específicos, e está pensado concretamente para o alumnado que ten que presentar traballos fin de grao e de mestrado. Con 30 horas de clases en liña, esta formación permitiralles mellorar a calidade da lingua nos seu traballos de investigación e afondar nos parámetros de redacción académica e científica, ao tempo que axuda a fomentar o uso do galego nos traballos de investigación. O curso terá lugar entre o 24 de outubro e o 25 de novembro, cunha proba final en liña o 30 de novembro.
Curso de linguaxe administrativa e xurídica
Outra das propostas que vén ofrecendo a ANL nos últimos anos é o curso de linguaxe administrativa e xurídica, un programa de 40 horas que pretende achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. O curso ten 40 horas que se repartirán entre o 4 de outubro e o 11 de novembro e a proba final o de novembro. As persoas que asistan poderá ampliar os seus recursos para redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun alto nivel de calidade. Aprenderán os trazos máis significativos da linguaxe administrativa e xurídica e as principais dificultades que atopa no seu desenvolvemento e serán quen de detectar os erros máis frecuentes que se cometen na redacción deste tipo de texto.
Os erros máis frecuentes na lingua galega
O catálogo de cursos inclúe un centrado nos erros máis frecuentes na lingua galega. Ao longo das súas 30 horas de duración, entre o 3 de outubro e o 4 de novembro, as e os asistentes repasarán a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo e aprenderán a corrixir os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega. A prona final terá lugar o 8 de novembro en modalidade virtual.
Corrección da escrita coas TIC
Finalmente, neste primeiro cuadrimestre impartirase un curso de 30 horas de duración, entre o 25 de outubro e o 25 de novembro, destinado a persoas interesadas en coñecer as utilidades das TIC para a lingua galega. Os obxectivos deste programa son coñecer diferentes ferramentas de corrección e de tradución, optimizar o seu uso e achegarnos a outros recursos que nos axudan a empregar unha lingua de calidade de maneira sinxela; achegar a realidade das linguas no contexto dixital e de comunicación global e coñecer as principais ferramentas de corrección dispoñibles para o galego e aprender a manexar ferramentas básicas para corrixir, traducir e consultar dúbidas lingüísticas que nos ofrecen as novas tecnoloxías. As persoas participantes deberán demostrar os coñecemento adquiridos nunha proba final que terá lugar o 1 de decembro en liña.