A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do comité asesor que deseñou os contidos, Carme Adán; un dos comisarios, Enrique Latorre, e Euloxio Santos, director do IES Politécnico de Vigo inauguraron este xoves a exposición Sen Cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia. Trátase da primeira itinerancia dunha mostra elaborada cun marcado carácter didáctico e divulgativo e fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual en Galicia.
O Instituto de Ensino Secundario Politécnico de Vigo é o primeiro centro ao que se traslada esta mostra pensada para amosar á mocidade un percorrido polo pasado e polo presente a propósito das ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, así como aos estereotipos e aos valores sociais que os precederon. A mostra estará aberta ata o día 30 de setembro.
A exposición, formada por oito paneis, comeza explicando que a diversidade, está presente tanto nas persoas como nas sociedades e culturas. Despois ofrece un percorrido pola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Explícase a mención das virxes xuramentadas de Albania, os Beraches de América do norte ou o Muxe (ou mushe), termo procedente das culturas zapotecas de Oaxaca (México) que define a persoas que foron asignadas como varóns ao nacer pero que toman para si unha identidade de xénero feminina. DanielaFerrández e Enrique Latorre son os comisarios deste proxecto expositivo.
A historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján, ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz son algunhas das vidas que se poden descubrir noutro dos paneis da mostra, que tamén dedica un espazo a visibilizar figuras como as de Laura Bugallo ou Eduardo Blanco Amor, entre outros, que foron referente galegos da diversidade sexual.
O obxectivo último do proxecto é espallar a idea de que a diversidade está presente no ser humano e estiveron presente sempre, nas diferentes culturas e que estará sempre. Non é unha cuestión das persoas diversas senón unha cuestión que afecta á toda a cidadanía.
A historia galega
Sen Cancelas tamén ofrece un relato histórico sobre a identidade sexual que arrinca en 1920 e se estende ata o presente. “Amosamos que existiron, como foi un relato de ida e volta, no que houbo liberdade e represión” explica Daniela Ferrández, unha das comisarias do proxecto expositivo. “Traballamos nos dereitos e pretendemos dar a idea de que eses dereitos non sempre existiron, nos que se gañaron visitas e facer partícipe a esas persoas. E que esas loita, e esas conquistas nos gañaron para todos e que debemos de gardar e ampliar”.
O relato histórico da diversidade sexual en Galicia está dividido en dous paneis. Un para explicar os chanzos que levaron cara a emancipacións, como a creación dos primeiros colectivos de Galicia (entre 1972 e 1982), ou a protesta que tivo lugar en outubro de 1980 fronte á cafetaría Manhattan Plaza da Coruña pola expulsión de dous rapaces homosexuais. Nela tamén aparece a primeira manifestación polo Día do Orgullo Gai en Galicia que reuníu máis de 500 persoas e que tivo lugar en Vigo, en xuño de 1981.
O segundo dos paneis documenta a situación legal. Sitúa o contexto galego dentro do marco global, onde hai 69 países nos que a homosexualidade é ilegal, nalgún deles mesmo castigada con pena de morte.
No marco da exposición tamén se poden apreciar algúns dos fitos lexislativos tanto a nivel español como galego, que marcan as achegas na igualdade de dereitos. É o caso da modificación da Lei de Rexistro Civil, 3/2007, que permite que as persoas trans que queiran modificar a súa documentación no Rexistro Civil poden facelo cumprindo unha serie de requisitos. Ata este momento, as persoas que querían realizar este trámite tiñan que pasar por un longo proceso xudicial.
Con todo, o fito máis destacado é a Lei galega de LGBTI (lei 2/2014), que fixo que Galicia se convertera na primeira comunidade autónoma do Estado en aprobar unha lei específica contra a discriminación das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuaise intersexuais. Nesta lei recoñécese a necesidade de traballar a prol da igualdade e identifícanse algúns eidos cos que iniciar este proceso como o laboral, o social ou o educativo.