O abandono animal segue a mostrar a súa cara máis amarga aínda que con final feliz. En dous días seguidos desta semana, o Centro de Acollida de Protección de Animais (CAAN) da Deputación recolleu quince cachorros, seis deles abandonados nunha caixa, que se están a recuperar agora de xeito satisfactorio nas instalacións provinciais da Armenteira (Meis).
Os cachorros son cinco femias (Nela, Baca, Crisal, Vera e Terra) e un macho (Watson) que o persoal do centro provincial rescatou abandonados a súa sorte nunha caixa diante do Pavillón de Ponte Caldelas, tras recibir aviso da Policía Local deste concello. Teñen aproximadamente un mes de idade e están a recibir os coidados necesarios no CAAN, aínda que en principio atópanse en bo estado de saúde.
Só 24 horas despois recolléronse outros 9 cachorros que contan con quince días de idade. Son 8 machos (Floro, Lou, Mío, Valdo, Pazo, Bico, Cobo e Sil) e unha femia (Lis) e están a ser aleitados pola súa nai, Quina, que puido tamén ser recuperada xunto aos animais nunha silveira en Dena (Meaño). Afortunadamente todos e todas están tamén en bo estado.
Os quince cachorros estarán no CAAN ata completar a súa recuperación e, se todo vai ben, poderán saír en adopción nuns meses tras completar o cadro de vacinación, como é o caso de Panchi e Chachi, dúas cadelas que buscan xa un fogar despois de tratarse no centro das graves lesións que presentaran á súa chegada, froito do maltrato e abandono.
Ambas foran arroxadas o 5 de agosto, con só cinco semanas de idade, desde unha ponte do río Mandelos en Crecente. Cando as recolleron presentaban, a primeira, unha torcedura nunha pata e, a segunda, unha fractura de tibia e desprazamento de peroné. Foron tratadas e recuperáronse no CAAN e xa están listas parasaír en adopción.