O martes 27 de setembro, as 19.30 horas, terá lugar na sede de Afundación (Policarpo Sanz, 26) a presentación de dous libros de homilías de san Josemaría que se publican por primeira vez en galego. O acto, presentado pola pintora Marieta Quesada, contará coas intervencións da pedagoga e escritora Rosa Montenegro, do editor Jorge C. Alonso, do vicario do Opus Dei na delegación Noroeste de España, don Ignacio Aparisi, e do bispo de Vigo, don Luis Quinteiro Fiuza.
A editorial Agoeiro vén de publicar en galego estes dous libros de homilías de san Josemaría Escrivá É Cristo que pasa e Amigos de Deus. O primeiro volume saíra en 1973, dous anos antes da morte do fundador do Opus Dei; o segundo é póstumo e chegou ás librarías en 1977. Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego por Araceli Filgueira Iglesias.
Os textos de É Cristo que pasa abranguen todo o ano litúrxico católico, desde o Advento ata a festa de Cristo Rei. En canto ao contido, o beato Álvaro del Portillo escribiu no prólogo da primeira edición: “A cerna é o sentido da filiación divina, constante na predicación do fundador do Opus Dei. O autor faise eco continuamente da ensinanza de san Paulo: «Os que son gobernados polo Espírito de Deus son fillos de Deus». Esta edición en galego leva un texto do bispo de Vigo, Luis Quinteiro, que sinala como desde a diocese de Tui-Vigo comezou a expansión internacional da institución fundada por Escrivá. Tamén di: “Sen dúbida, estas homilías axudarán a quen as lea a ser máis rezador seguindo as suxestións do Papa”.
Presentación en Santiago
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembra no limiar de Amigos de Deus que san Josemaría peregrinou por primeira vez a Compostela en xullo de 1938. Aquel era Ano Santo porque o de 1937 se alongara por mor da guerra. Tamén evoca como, no prólogo da primeira edición, o beato Álvaro del Portillo dicía: “Estas dezaoito homilías trazan un panorama de virtudes básicas humanas e cristiás para quen queira seguir de preto os pasos do Mestre”.
Para o mércores, 28 de setembro, as 19.30 horas está prevista a presentación destes dous libros en Compostela. Será en Afundación (Rúa do Vilar, 19), nun acto presentado pola filóloga María Cristina de la Iglesia e no que participarán o editor, o Vicario do Opus Dei e o arzebispo de Santiago, don Julián Barrio Barrio.
Outros libros de san Josemaría Escrivá xa foran publicados en galego, sendo do ano 1968 a primeira tradución de Camiño, a súa obra máis coñecida. En 1991 o sacerdote lucense Luciano Armas fixo una nova traducción de Camiño e máis adiante a de Vía Crucis, as dúas publicadas por Ediciones Rialp.
Araceli Filgueira, filla do intelectual galeguista Xosé Filgueira Valverde, tamén foi a autora da traducción ao galego de Santo Rosario e Conversacións con Monseñor Escrivá de Balaguer que foron publicados pola libraría-editorial de Santiago Follas Novas.