«Cando rematei a miña formación atopeime con moitas dúbidas, non sabía para onde tirar e soamente pensaba que sería de min». David García, de 24 anos e natural de Pontevedra, nese momento contactou con Garantía Xuvenil e pasou a formar parte da primeira xeración que se acolleu ao programa Xuventude Mentoring. Unha iniciativa da Xunta de Galicia para facilitar o tránsito ao mundo laboral.
A convocatoria do programa abriu en setembro do 2021 e en sete meses firmou o contrato na empresa na que segue a traballar: «E ben contento que estou». O emprego chegou da man do seu mentor que, consciente das súas capacidades, non deixou escapar o seu talento e contou con el en canto houbo unha vacante na súa empresa.
Xuventude Mentoring acolle a titulados universitarios o de formación profesional superior con idades de entre os 18 e 30 anos e pon a súa disposición formación integral con cursos que os enriquecen en competencias e habilidades imprescindibles para favorecer a súa entrada no mercado laboral: dende o manexo de novas tecnoloxías ata facilidades comunicativas ou espírito de innovación así coma o networking, visitas a empresas e asesoramento e apoio integral por unha persoa mentora, profesional e experta na actividade ou sector económico do seu interese. Desta forma dótase aos titulados das ferramentas necesarias para a inserción laboral mellorando así os recursos humanos para as empresas galegas.
O programa Xuventude Mentoring medra en 2023
Os resultados do programa foron satisfactorios o ano pasado: o 60% dos 200 recentemente titulados conseguiron un posto de traballo no seu sector.
Á vista destas cifras, a Consellería de Política Social e Xuventude, en colaboración co Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cixug), traballa nunha segunda edición desta proposta e xa aprobou ademais unha terceira cun investimento de 500.000 euros cada unha.
O proxecto está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e en 2023 o Executivo galego conta con dar cobertura a 500 participantes e ofrecer cabida a máis entidades, asociacións, empresas e clústers.