O festival Pequeclassics achegará esta fin de semana a Vigo o espectáculo familiar ‘Ma, me, mi… Mozart’, sobre o xenial compositor austriaco. A función terá lugar no teatro Salesianos o sábado 22 de outubro ás 19.00 horas.
As obras do músico de Salzburgo serán interpretadas por seis persoas con instrumentos de todas as familias: voz, acordeón, clarinete baixo, violín, fliscorno e instrumentos de corda pulsada.
Os arranxos fixéronse a partir da música de Mozart e con estilos, ritmos e harmonías máis próximas á sensibilidade actual. O vestiario, a escenografía e as actitudes de os intérpretes captan a atención desde o principio ata o fin.
Pequeclassics é un proxecto que trata de achegar á cativada galega a paixón pola música clásica, o jazz e outras disciplinas a través do xogo e da diversión. O obxectivo principal é que a música chegue a eles sen necesidade de que teñan coñecementos previos.
A producción, de L’Auditori de Barcelona, está recomendada a partir de 2 anos e ten unha duración de 50 minutos.
O Pequeclassics forma parte da programación do Xacobeo 21-22 e conta co patrocinio da Fundación La Caixa. As entradas están a venda na plataforma A Taquilla.com a un prezo de 5 euros (máis gastos de xestión).