Na súa primeira visita ao edificio institucional da UVigo no Berbés, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este mércores á sinatura de cadanseu convenio para o desenvolvemento de accións de I+D+i en 2022 cos reitores das universidades de Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Julio Abalde, e co vicerreitor de Política científica, Vicente Pérez, por un importe de 17,4 millóns de euros. Acompañado polo conselleiro de Cultura, educación, FP e universidades, Román Rodríguez, o presidente da Xunta gabou o papel que as universidades galegas están a desempeñar no ámbito da investigación, ao tempo que reiterou a aposta do executivo galego por ela e polas persoas que nela traballan.
Pola súa banda, o reitor da UVigo, manifestou o seu agredecemento á Xunta por unha achega “que nos permitirá desenvolver accións de especialización que os cos orzamentos ordinarios non sería posible”.Na mesma liña se manifestaron o reitor de A Coruña e o vicerreitor de Política científica da USC, que tamén reivindicaron abertamente o papel das universidades no desenvolvemento da ciencia en España.
En liñas xerais os acordos asinados este mediodía no edificio Redeiras por un importe de 17,4 millóns de euros permitirán fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora que se desenvolve nas tres universidades galegas. A institución académica viguesa é a que máis recibe, con 6,4 millóns de euros, resultantes de sumar os 2,6 millóns inicialmente acordados, aos 3,7 da addenda que este mércores asinaron o conselleiro de Educación e o reitor vigués, e que se destinarán en liñas xerais ao reforzo dos centros de investigación, captación de talento e realización de obras singulares de apoio á investigación.
Pola súa banda, a USC percibe 5,5 millóns de euros, que permitirán mellorar as infraestruturas para novos graos como os de Robótica, Intelixencia artificial ou Bioquímica e á renovación de espazos de investigación e accións de apoio ao talento; mentres que a partida destinada á UDC ascende, igualmente a 5,5 millóns de euros, que permitirán fortalecer centros de investigación, así como poñer en marcha novas infraestruturas, obras singulares ou mellora de equipamento.
Máis de 8,5 millóns de euros no período 2021-2022
En xullo de 2021 quedaba formalizado o convenio entre a Consellería e a UVigo que tiña por obxecto establecer as condicións polas que se rexía a colaboración para o desenvolvemento de actuacións estratéxicas de I+D+i co fin de mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica, mediante a diversificación na chegada de recursos.
O orzamento total para este convenio é de 4.879.000 millóns de euros, distribuídos nas anualidades 2021 (2,1 millóns de euros) e 2022 (2,6 millóns de euros) e coa seguinte distribución: 1,1 millón para captación de talento (entre incentivos ás instalacións do talento captado e captación de talento para novas necesidades estratéxicas); 979.000 euros para centros (incluíndo xornadas de portas abertas e divulgación, accións formativas, expansión dos centros e apoio a accións específicas de alto impacto); 1,1 millón para nova estruturas de investigación (que inclúe entre outras partidas para o reforzo das estruturas de xestión de Ecobas e Citaca ou apoio á creación doutras estruturas, nomeadamente no Cintecx e no Instituto de linguaxe e cognición); 1,3 millóns de euros para obras singulares de apoio á investigación (acondicionamento do espazo de campus Auga e acondicionamento do edificio de Benito Corbal); 218.500 euros para outras accións co foco específico de alto impacto e interese na I+D+i (políticas de ciencia aberta, avaliación do selo HRS4R ou patentes) e 85.000 euros destinados a outras accións co foco específico na calidade da docencia (potenciación de mestrados e experiencia piloto de centro docente innovador).
En xuño deste ano o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, presentou á Consellería unha proposta que incluía novas necesidades non contempladas no convenio inicial, solicitando a addenda a este convenio de 3.700.000 millóns de euros, coa finalidade de incrementar e reaxustar os importes nos conceptos subvencionables na anualidade 2022. Deste xeito, a modificación solicitada eleva a anualidade de 2022 ata os 6.395.000 millóns de euros, que sumados aos 2.184.000 de 2021, sitúa a cifra total do convenio de colaboración entre a Consellería e a UVigo en 8.579.000 millóns de euros. Dos 3,7 millóns de euros solicitados a maiores pola UVigo na addenda para 2022, a partida máis relevante (2,5) é a destinada a centros, seguida dos 670.000 destinados a obras singulares de apoio á investigación.
Na primeira partida, cómpre destacar como novidade a inclusión do proxecto de edificio para un laboratorio no Cinbio para o investigador Luis Liz Marzán por importe de 300.000 euros ou 165.000 euros para obras de bioexperimentación no mesmo centro de investigación, ou máis de millón e medio de euros destinados a accións específicas de alto impacto, en especial a equipamentos. No apartado de novas estruturas de investigación, destacan a presenza por vez primeira dunha partida de 20.000 euros para o Instituto de física aplicada e de 19.000 para o Instituto de xustiza e xénero.
Un sistema universitario “do que sentirnos orgullosos”
Logo de destacar o “acerto político e universitario” que, na súa opinión, supuxo a creación de tres universidades en Galicia, Manuel Reigosa, asegurou este mediodía na súa intervención que “a través da especialización dos nosos campus estamos facendo un sistema universitario do que sentirnos orgullosos”. O reitor, que incidiu no mérito que para unha universidade da xuventude e tamaño da viguesa supón estar entre as 600 mellores do mundo, asegurou que a achega asinada hoxe coa Xunta permitirá á UVigo “acometer accións de especialización no eido da investigación que son imposibles cos orzamentos ordinarios. Nós estamos moi satisfeitos e moi agradecidos”, dixo Reigosa. O reitor vigués destacou o que considera “recoñecemento do Plan de financiamento do SUG ao papel central que ten que xogar o sistema universitario galego dentro do desenvolvemento do país” e asegurou que “as tres universidades estamos dispostas a xogar o papel que se nos pida para mellorar o benestar e o progreso da nosa cidadanía.
Rueda tamén sinalou na súa intervención o papel central que xoga no futuro do país “unha investigación potente que produza coñecemento no territorio e quede nel. E as universidades son aliados e imprescindibles para conseguilo”. O presidente da Xunta reiterou a aposta do executivo galego pola investigación e polas persoas que investigan e avanzou en que en breve se anunciarán melloras na condicións de traballo deste colectivo profesional.
“O sistema de investigación en Galicia é moi notable”, dixo Rueda que enumerou algunhas das actuacións da Xunta neste eido, como o reforzo dos centros de investigación, impulso da carreira investigadora a través de programas de formación e retención (dotado con 5 millóns de euros) ou plans de infraestruturas. “Temos que conseguir que o noso ecosistema investigador siga sendo unha referencia e consiga que as nosas universidades, pouco a pouco, se sitúen nos lugares máis punteiros”, indicou Rueda.