A XXXI Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, conclúe este xoves coa presenza do primeiro español en visitar un dos lugares máis profundos do planeta. Héctor Salvador (Lugo, 1983) é o enxeñeiro aeronáutico que coprotagoniza o audiovisual ‘Descenso a la Fosa de las Marianas’ e que conta a inmersión a 10.730 metros de profundidade, en concreto cara ao chamado Abismo da Serea (Océano Pacífico), que levou a cabo xunto ao seu compañeiro, o australiano Tim MacDonald.
Salvador participou durante seis anos na construción do batiscafo no que viaxaron ata un dos leitos do planeta. Durante a inmersión tomáronse mostras de sedimentos que serán empregados para fins científicos e ecoloxistas. Salvador ofrecerá unha conferencia este xoves, 10 de novembro, na que explicará os detalles e a importancia da proeza.
Antes da súa conferencia, o público asistente á Semana poderá ver un dos capítulos do proxecto Five Deeps no que o explorador Víctor Vescovo empregou o batiscafo deseñado por Salvador, para chegar a un dos cinco puntos máis profundos dos océanos. ‘Expedition Deep Ocean: Océano Índico’ é unha produción de Discovery Channel, na que o espectador poderá gozar das imaxes que só poden gravar os mellores cámaras submarinos do mundo. No audiovisual, Vescovo visita a Fosa de Java.
Todas as sesións terán lugar ás 20.00 horas no teatro Afundación e a entrada é de balde ata completar aforamento. O ciclo, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, serve como faro anual para a concienciación e a preservación dos nosos mares, así como para alcanzar o obxectivo 14 da Axenda 2030, de conservar os océanos, os mares e os recursos mariños de xeito sostible.