O apalpador, a tradicional figura do Nadal en Galicia, visitará este ano 46 concellos da provincia da man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’. O departamento de Lingua dirixido pola deputada María Ortega concedeu a actuación a todos os municipios que o solicitaron.
Están concedidas as actuacións a Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis e Caldas na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro e Lalín no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior e Mos na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, e Nigrán no Val Miñor; A Cañiza, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario e Arbo no Condado-Paradanta; e Tomiño, e Tui no Baixo Miño.
O número de visitas do apalpador foi multiplicándose nos últimos exercicios debido ao éxito de público acadado nas actuacións. Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web depo.gal. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 haberá actividades –pasarrúas ao aire libre ou actuacións en espazos pechados- só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás, pero de maneira xeral haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro (salvo os días de Nadal e Aninovo).
Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que fomentará o apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.
O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, o apalpador representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.