O Parlamento de Galicia inaugurou este xoves pola tarde na sede Afundación de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 26) a exposición ‘A Nosa Arte’, conformada por unha escolma de 37 obras da colección artística da Cámara autonómica. A mostra poderá visitarse ata o 18 de febreiro de 2023 de luns a sábado, de 17.30 a 20.30 horas.
No acto inaugural, o presidente do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices, recordou que a colección de arte do Parlamento está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que “pertencen á totalidade das galegas e dos galegos”.
Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, “tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente”. Amosouse convencido de que “as institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar con consecuencia”.
Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara, e que despois de Vigo visitará a totalidade das grandes cidades galegas, rotando trimestralmente. Que a exposición inicie o seu percorrido en Vigo “non é casualidade, senón que responde visualiza o empuxe artístico, industrial e poboacional” da cidade e a súa contorna.
O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra en virtude dun convenio asinado en maio deste ano; e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades galegas, como fixera anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.
Agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e musealización da colección e o seguirá a facer emitindo informe previo e vinculante en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte do Parlamento. O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Victoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Valle Pérez.
A xuízo de Santalices, “a Galicia contemporánea, e a nosa autonomía” son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, “un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos”.
O acto inaugural contou coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro; ademais do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices.