A enxeñeira Iria Malvido Pazó, candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Cangas, presentou este sábado as súas credenciais nun acto público celebrado no auditorio municipal e no que participaron o secretario xeral provincial, David Regades, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A “alcaldable” socialista definiuse como “unha canguesa que deu o paso consciente da urxente necesidade de ofrecer á cidadanía un novo proxecto de esquerdas amable, integrador e que poña o acento en sumar, en lugar de restar”. Unha candidata que, confesou, “herdou ADN socialista da súa avoa, que vendía froita na Praza de Abastos e era tan socialista que me dicía que vestira de vermello”.
A renovación da política local foi un dos eixes do seu discurso diante dun auditorio con moito público. Afirmou que a agrupación local levaba tempo traballando para conformar unha equipa composta por veciñas e veciños que acheguen pensamentos renovadores, “novas formas de entender a política e, sobre todo, moitas gañas de pelexar por Cangas”.
Comprometeuse a poñer en común con toda a militancia socialista, pero tamén coa sociedade, o deseño dun programa electoral comprometido. Para elo falará con colectivos e asociacións culturais, sociais, veciñais, ecolóxicos, empresariais e deportivos. “Hai que transformar e modernizar o noso concello, sumar en lugar de restar, acabar co mal humor e dar paso a un novo estilo, moito máis fresco, máis construtivo e, sobre todo, en positivo; xa está ben de liortas e enfrontamentos”, afirmou.
A candidata socialista considera que Cangas viviu dous momentos recentes moi negativos que marcaron o nefasto rumbo dos acontecementos durante o actual mandato municipal: o primeiro foi o falecemento do anterior alcalde, Xosé Manuel Pazos, “que aínda sen chegar a ser un alcalde ao nivel do que nós aspiramos, si que marcou un estándar de integridade persoal e acertou mantendo unida á coalición de goberno”; o segundo foi a expulsión do grupo socialista pola actual alcaldesa, deixando o Concello de Cangas como un barco á deriva, un barco sen goberno”.