O Mercado Municipal de Tui, situado na rúa Maristas, será obxecto dunha reforma integral coa finalidade de mellorar tanto as instalacións como a experiencia de compra de cara a lograr o recoñecemento como Mercado Excelente. O Concello de Tui elaborou un proxecto no que se aposta por esta reforma integral da praza de abastos e pola dixitalización do comercio local e do mercado semanal dos xoves.
O investimento previsto ascende a 1,6 millóns de euros, dos que 1,3 serán achegados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Este plan abranguerá a preto de 300 establecementos comerciais, 20 postos no mercado municipal e 140 postos do mercado semanal dos xoves.
As obras incidirán tanto no aspecto exterior como no interior. Así, por unha parte proponse unha praza exterior cuberta. Dentro, os postos convivirán con novos usos como un espazo gastronómico, zonas de lecer ou usos múltiples, buscando o equilibrio entre as zonas ocupadas e baleiras, dotando a todo o espazo de iluminación e creando percorridos que favorezan a interacción e a compra.
O mercado gañará en comodidade e eficiencia enerxética coa aplicación de sistemas de aerotermia e coa mellora da envolvente térmica. Mellorarase a sustentabilidade con illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, coa adhesión á iniciativa Too Good to Go, con empaquetado reutilizable, cunha área de intercambio e venda de obxecto de segunda man, ou cun aparcamento para bicicletas.
Máis aló da actuación concreta no edificio do Mercado Municipal o proxecto a executar contempla tamén a dixitalización do comercio local con campañas de marketing en soportes dixitais, o desenvolvemento dunha aplicación que facilite información sobre o comercio de Tui de xeito integral ou a análise das tendencias de compra e da competencia do comercio tudense.
Outro dos puntos nos que se incidirá será na realización dunha plataforma de colaboración con produtores locais e coa implantación dun sistema de códigos QR.
A formación con accións para o manexo da aplicación, web e tenda online, pero tamén de idiomas ou mentor individual forman parte tamén das melloras previstas.
Recolocación
Unha vez recibida a resolución definitiva da concesión da subvención o Concello de Tui procederá a iniciar o proceso de licitación. A execución do proxecto de reforma integral provocará a recolocación dos postos noutro espazo de forma provisional mentres duren as obras.
A nova situación, segundo a administración local, establecerase “de forma conxunta e consensuada” cos propios vendedores tendo en conta que “a súa actividade non se pode paralizar ao longo do ano que se prolongarán os traballos”.