Tras despedir o ano co Concerto de Nadal, a Orquestra Clásica de Vigo retomará a temporada ‘Escoitas’ o vindeiro mes de febreiro. Será co concerto ‘Glass’ o 4 de febrero (20.30 horas) no Teatro García Barbón e as entradas xa están á venda a través da internet.
O minimalismo ou música repetitiva é un dos estilos máis destacados da segunda metade do século XX. Mais o concerto de violín de Philip Glass supuxo un punto de inflexión, pois é a primeira peza composta seguindo a forma tradicional de composición.
Dividida en tres movementos sen título, o concerto explora a capacidade solista do violín de perder esa esencia repetitiva e carente de sentido propia do movemento minimalista. Este concerto será interpretado polo violinista vigués Marcos Escobar, que foi concertino da Orquesta Clásica de Vigo na década de 1990 e que agora volve ao fogar para formar parte desta formación como solista.
Para esta primeira cita do ano, a Clásica tamén contará no programa coa estrea de ‘Preludio e fuga’, de Manuel María Veiga Lombardía, gañador do terceiro premio en CreaClásica, o certame para compositores emerxentes en colaboración coa Fundación SGAE de Galicia.