Dúas novas exposicións volven encher de arte e cultura a sede da Deputación en Vigo neste arranque do 2023. Ata o vindeiro 3 de marzo Rosa García reflexiona na Sala Maruja Mallo sobre os lugares habitados, mentres que na Sala Rosalía de Castro Alberto Pena o fai sobre a ‘Natureza alterada’. Dúas visións e dous propostas técnicas distintas que amosan, como destacou hoxe a presidenta provincial Carmela Silva na inauguración conxunta de ambas mostras, “a excepcional creatividade da que podemos presumir nesta provincia tan ligada á arte”.
A apertura das exposicións, que reuniu na sede viguesa a máis dun cento de persoas das asociacións culturais da cidade, contou coa actuación musical de Virginia Lis e Mario Diz e coa intervención da bailarina Marcia Vázquez.
Na inauguración, Carmela Silva subliñou “o talentazo” de Alberto Pena e Rosa Garcia. “Dous estilos e propostas moi diferentes, que son unha magnífica mostra do talentazo no mundo creativo que ofrece a nosa provincia”. “Sempre digo que vivimos unha auténtica revolución cultural e non hai máis que botar unha ollada ao noso redor para comprobalo. Estas dúas propostas mergúllannos en temáticas e técnicas distintas, pero que se complementan á perfección”.
Neste senso incidiu no particular xeito de entender a pintura de Alberto Pena, “na que reflicte a pegada da ‘Natureza’ que el mesmo altera”, mentres que a obra de Rosa García supón unha reflexión sobre o espazo interior, “eses lugares que habitamos e que son o que son pola nosa acción neles, formando a nosa memoria”. Destacou que para artista, estes lugares “non sempre son refuxio ou niño, senón que tamén son gaiola” e, neste senso, louvou a perspectiva de xénero que marca tamén o seu traballo: “Fainos reflexionar sobre as relacións entre a muller e o fogar, o espazo doméstico, a crianza e o coidado, a parella, a corresponsabilidade e o espazo compartido”.
“Teño moi claro o poder transformador da cultura, e especialmente da arte, para avanzar como sociedade –engadiu a presidenta-. E desde estas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo imos seguir promovendo e difundindo a acción dos e das artistas vinculados a esta provincia. Cada un e unha deles, coa súa ollada e o seu sentimento, amósanos unha forma de implicación social ás que é necesario darlle voz”.
‘Máis aló do lugar habitado’ é o título da mostra da viguesa Rosa García, na Sala Maruja Mallo, na que condensa varios dos temas recorrentes da súa traxectoria, como os espazos habitados, a Domus e a memoria, baixo a forma de gravados, fotografía e escultura. A creadora aborda as maneiras de habitar e cohabitar os lugares en relación coa sociedade, subliñando que o que transforma o espazo en lugar é a nosa relación con el. “Reflexiono sobre como vivimos, habitamos e co-habitamos os espazos desde distintos puntos de vista; o fogar, a comunidade… O construído que transforma o espazo en lugar, en memoria, ás veces forte e outras vulnerable, desde a relación co xénero, a sociedade e a memoria”.
Pola súa banda, con ‘Natureza alterada’, Alberto Pena (afincado en Cangas) amosa na Sala Rosalía a súa liña de traballo máis recente nunha mostra “que supón un proxecto completamente novo e feito ex profeso para este espazo, e onde o gravado vólvese pintura”. “Constrúo paisaxes –lembrou o artista- reciclando elementos naturais, dándolle presión ás formas e as cores”.
Neste senso, a comisaria da exposición, Elena Bangueses, explicou que o creador mestura pintura e estampación, facendo referencia ás artes gráficas, “das que toma prestadas as dimensións estandarizadas dos carteis, aínda que co soporte do liño”. Destacou a importancia do proceso creativo de Pena, “que nos seus paseos diarios recolle a materia prima, tanto orgánica como inorgánica, materiais que logo, entran en contacto directo coa superficie do liño empregando o tórculo e producindo unha enorme variedade de fermosas imaxes”.