Os cadros de persoal de Bershka en Pontevedra e Vilagarcía acordaron onte por maioría en asemblea desconvocar a folga indefinida cuxo inicio estaba previsto tras pactar coa empresa a recolocación das 21 traballadoras afectadas polo peche das tendas destas dúas localidades. O acordo contempla tamén o mantemento das actuais condicións laborais.
Segundo explica Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, tras negociar coa dirección, coa convocatoria de folga e as mobilizacións anunciadas sobre a mesa, logrouse que Bershka ampliase de 6 a 12 o número de vacantes que ofertaba para recolocar persoal noutras marcas do grupo en Pontevedra (8) e Vilagarcía (4). Ademais, estas traballadoras manterán as súas condicións laborais e horarios xa que a empresa desiste de rebaixarlles a xornada a 27 horas semanais, tal e como pretendía nun primeiro momento.
Outras 8 empregadas poderán escoller o traslado ás tendas viguesas de Urzaiz ou da Gran Vía, pero farano nunha nova modalidade de traballo (‘big store’) que combina o teletraballo e a presenza física nos establecementos. De xeito que as que están a xornada parcial terán que desprazarse unicamente un día á semana e as de xornada completa dous días semanais. Ao que hai que engadir que terán facilidades para escoller os días de libranza e os horarios.
Finalmente, á última traballadora, que se atopa en excedencia fóra de Galicia por coidado de crianza, Bershka ofertaralle un posto vacante na localidade na que reside actualmente.
Rodríguez valora moi positivamente o acordo, “tendo en conta as limitacións que nos impón o pacto miserento ao que chegaron CCOO e UGT con Inditex a nivel estatal sobre o proceso de dixitalización das vendas”. Neste senso, salienta que se logrou a recolocación de todo o persoal afectado “xa que ninguén optou por aceptar a indemnización, cando nun principio era a primeira opción”.
A responsable sindical incide tamén en que a determinación das traballadoras de Bershka na provincia de Pontevedra -o persoal das tendas de Vigo tamén optara por convocar folga- foi esencial para lograr a súa recolocación,”traballadoras que xa demostraron a súa capacidade de loita en 2017 con 9 días de paro cos que lograron rematar coa discriminación laboral que padecían”.