Cando van cumprirse seis anos desde a súa fundación na Guarda, a Asociación Cultural Piueiro verá o próximo día 1 de abril como se cumpre un dos seus soños máis prezados: a publicación en galego do poemario “De mar a mar “, o libro do escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907 – A Guarda 1935) editado orixinariamente en Madrid en 1934.
Para este fito, a asociación contou co poeta e profesor Anxo Angueira, encargado de facer a tradución ao galego duns poemas que, no seu día, mereceron o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane. A editorial Alvarellos, pola súa banda, deulle un espazo preferente na súa colección “Rescate”, onde Rolán coincide con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.
O poemario “De mar a mar. Poemas 1932-1933”, que quedou relativamente relegado tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da asociación guardesa, que sempre traballaron para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán. E, concretamente, este libro de temática marítima, que casa tan ben co lugar onde viviu e, tristemente, faleceu o poeta.
A presentación oficial desta edición bilingüe celebrarase o vindeiro sábado 1 de abril na Alameda da Guarda e contará, entre os seus asistentes, con representantes das dúas institucións que fixeron posible este traballo: o Concello da Guarda e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Xa o pasado venres pola mañá, o presidente de Piueiro, Joaquín Cadilla, e o secretario da asociación, Celso Fariñas, achegáronse á editorial Alvarellos, en Santiago de Compostela, para gozar cos primeiros exemplares recentemente saídos de imprenta e que xa están ao dispor dos lectores.
A edición está especialmente coidada, xa que aos poemas nos dous idiomas une máis material de interese para o futuro lector. Así, Gregorio Ferreiro Fente achega un ensaio que clarifica a obra de Rolán, achegándose imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Ademais, Celso Fariñas debulla a biografía literaria do autor, que termina de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceu ao poeta que é agora homenaxeado por Piueiro.