A Universidade de Vigo ofertará o vindeiro curso 2023-2024 un total de 5.624 prazas de grao e mestrado de novo ingreso, o que supón un incremento de 83, respecto das ofertadas este curso.
A falta da resolución da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, o Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento na súa sesión ordinaria de hoxe un límite de prazas de novo ingreso para o vindeiro curso de 3.848 para titulacións de grao, 57 máis que este curso, e un límite de 1.176 prazas para titulacións de máster, 26 máis que o presente curso.
Este foi un dos acordos adoptados na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe e na que tamén se aprobou o regulamento de réxime interno do recentemente creado Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, así como a suspensión da actividade do Instituto de Electrónica Aplicada.
Principais novidades
As principais novidades nos límites de prazas de titulacións de grao para o curso que vén corresponden á implantación dos graos en Deseño (45 prazas) e ao dual en Enxeñaría da Automoción (20 prazas), así como aos programas de simultaneidade (PCEO) en Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e en Enxeñaría Agraria e Tecnoloxía dos Alimentos.
No caso destes dous PCEOs, o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, confirmou un cambio de última hora nos seus límites de prazas, logo dun correo da Secretaría Xeral de Universidades recibido onte, que obriga a todos os programas de simultaneidade, sexan novos ou non, a facer unha memoria xustificativa segundo unha instrución de 2019.
“Púxeme en contacto co decano da Facultade de Ciencias, posto que nas memorias do ambos dos dous PCEOs o número de prazas sobrepasaba un pouco o límite total, que é o 20%, correspondente a cada titulación e o reparto ten que ser 50-50”, detallou Lago.
Logo de aplicar o axuste atendendo á demanda da Secretaria Xeral de Universidades, cada un dos PCEOs da Facultade de Ciencias terá un límite de 9 prazas, que se restan dos graos en Enxeñaría Agraria (8), Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (5) e Ciencias Ambientais (5).
En calquera caso, a implantación destes títulos, así como a dos graos en Deseño e o dual en Enxeñaría da Automoción, queda pendente da súa verificación ou aprobación por parte da Xunta.
Outras titulacións que incrementarán o próximo curso o seu límite de prazas son o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, pasando de 72 a 80, para axustar á oferta da memoria; o Grao en Comunicación Audiovisual, por un axuste á oferta da memoria, pasaría das 45 ás 50; e tres prazas máis no Grao en Enfermaría de Povisa, que acadaría as 80, se así o acorda o Consello de Coordinación de Docencia Clínica en Galicia, que se reunirá a vindeira semana.
Menos prazas
Pola súa banda, algunhas titulacións de grao experimentarán un descenso límite de prazas que se ofertarán para o curso que vén. É o caso do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos que verá reducido, respecto deste curso, a súa oferta en 20 prazas, atendendo á resolución da Secretaría Xeral de Universidades por exceso de oferta e taxa de graduación inferior ao 35%, nos últimos tres anos.
Pola súa banda, o Grao en Enxeñaría Biomédica reduce a súa oferta en 4 prazas pola limitación de actividades prácticas co incremento do alumnado dos PCEOs. Mentres, o Grao en Dereito, manterá a súa oferta de 70 prazas, aínda que solicitara 10 máis.
Neste sentido, o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, lembra que “hai un acordo no SUG de que nestas titulacións multiplicadas manteñan un equilibrio que non debería romperse. Non obstante, no caso de que finalmente se abra a oportunidade de incrementar prazas nestas titulacións dentro do SUG, a Universidade de Vigo exercerá o seu dereito a participar en dito incremento. É o caso das titulacións do ámbito xurídico e do das TICs”, detalla.
Mestrados
En relación cos mestrados, o Consello aprobou, tamén por asentimento, a oferta de prazas para catro novos títulos que están pendentes de verificación para a súa posta en marcha o curso que vén. Trátase dos mestrados universitarios en Enxeñaría Aeronáutica (30 prazas); en Xestión Sostible da Auga (10); Fabricación Aditiva (10) e Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica (8).
Na sesión deste xoves, tamén se deu luz verde á tramitación da modificación do título do Máster en Avogacía e Procuradoría, un cambio derivado da aplicación da lei de 2021 que modifica a de 2006 sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador de tribunais, e cuxo desenvolvemento foi aprobado no regulamento aprobado en febreiro de 2023, que obriga a que, a partir do vindeiro curso, o máster debe estar adaptado a dita lei.
Aínda que inicialmente a docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Especial Carmen Ruíz manifestou a súa intención de absterse neste punto, por considerar que había cousas que no seu centro que non se fixeran ben, finalmente, tras solicitarllo así o reitor, votou a favor.