Os Consellos Sociais das Universidades Españolas celebrarán esta semana en Vigo e Santiago de Compostela 40 anos de historia.
Farano coa celebración das súas xornadas anuais, un encontro que arranca este mércores pola tarde na sede da Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, e no que se aproveitará non só para botar unha ollada ao papel xogado por este órgano ao longo de todos estes anos, senón tamén para analizar os novos retos e obxectivos que propicia a entrada en vigor da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario, LOSU.
“As xornadas coinciden nesta ocasión con dúas circunstancias determinantes para os Consellos Sociais das Universidades Españolas. Cúmprense 40 anos desde a súa creación pola LRU e, xusto durante a celebración deste encontro entrará en vigor a LOSU”, subliñan desde o Consello Social da Universidade de Vigo, organizadores do evento xunto cos consellos sociais das universidades da Coruña e Santiago de Compostela e a Conferencia de Consejos Sociales.
“Son dous feitos excepcionais que quixemos abordar no programa, outorgándolle unha presenza destacada con intervencións e análises expresamente dirixidos a posibilitar unha mirada vertical sobre ambas cuestións”, recalcan desde a organización, remarcando así a importancia de analizar o efecto de catro décadas de existencia e as perspectivas que se presentan para o futuro máis inminente, de cara a buscar mecanismos que impulsen o exercicio activo das funcións que debe exercer a sociedade na universidade no seu camiño cara a excelencia.
“Achéganse tempos moi importantes para a misión dos Consellos Sociais”, recalcan desde o Consello Social da UVigo.
Benvida e asemblea xeral
Cunha participación de entre 60 e 70 persoas, maioritariamente presidentes e secretarios dos consellos sociais, o programa arrancará o mércores ás 16.45 horas cun saúdo de benvida no que se contará coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que estará acompañado polos tres presidentes dos consellos sociais das universidades galegas: Ernesto Pedrosa, da Universidade de Vigo; Cecilia Sierra, da de Santiago de Compostela, e Antonio Abril, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas.
Tras a benvida terá lugar unha visita ás propias instalación de Citexvi e, xa a continuación, celebrarase a asemblea xeral dos consellos sociais.
O programa achegará, por unha banda, unha mirada retrospectiva ao pasado para ver a contribución dos consellos sociais ao coñecemento, desenvolvemento e difusión do saber a través do Camiño de Santiago e, polo outra, fará tamén unha incursión no porvir que está convocando xa ás universidades no contexto global de Europa, “ou sexa, a configuración das universidades do futuro para seguir fortalecendo a construción da Unión Europea”.
Para cada unha destas temáticas trataron de atopar as persoas máis axeitadas e coñecedoras nos seus respectivos campos, subliñando o feito de que se trata de “construír mensaxes, reflexións, prospectivas e tendencias”.